Ata 2.700 alumnos dos centros plurilingües poderán presentarse ás probas gratuítas para certificar o seu nivel de inglés
Os exames escritos serán o día 15 de febreiro e os orais realizaranse entre o 10 e o 14 e entre o 17 e o 21 de febreiro
Esta proba é totalmente de balde para as familias
Como novidade este ano, ademais de acreditar os niveis B1 e B2 de competencia lingüística en inglés, ofrécese por primeira vez a posibilidade de certificar o nivel C1 para quen teñan xa certificado o B2
Ata un total de 2.700 alumnos e alumnas das ensinanzas plurilingües de Galicia poderán acreditar o seu nivel de coñecemento lingüístico en lingua inglesa de acordo cos niveis B1, B2 e C1 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL).
Esta é a segunda convocatoria mediante a que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional habilita un procedemento deste tipo para que todos os estudantes que finalizan os seus estudos da etapa de ESO, Bacharelato ou de Formación Profesional nalgún dos 423 centros que forman parte da Rede de Centros Plurilingües teñan a posibilidade de acreditar o seu nivel neste idioma estranxeiro a través dunhas probas que son totalmente gratuítas para as familias. Como novidades este ano inclúese a maiores a certificación do nivel C1, para quen xa teñan certificado o B2.
Os exames escritos realizaranse o día 15 de febreiro, mentres que os orais terán lugar entre o 10 e o 14 e o 17 e 21 de febreiro. O alumnado poderá escoller entre realizar as probas de acreditación do nivel B1 (que equivale a un nivel intermedio, e é o que requiren moitas universidades para poder titular), o B2 ou o C1.
Achégase así un valor engadido ao esforzo no desenvolvemento do programa por parte dos centros, e supón unha importante oportunidade para o alumando e as súas familias, que teñen a posibilidade de obter de balde unha acreditación da aprendizaxe en lingua estranxeira co aval dunha entidade certificadora de recoñecido prestixio como é o Trinity College.
Esta iniciativa enmárcase dentro das liñas establecidas na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, EDUlingüe 2020, que establece, entre outras accións, a habilitación de procedementos específicos para certificar o alumnado dos centros plurilingües ao final de cada etapa, ben a través das Escolas Oficiais de Idiomas (EOI), ou mediante entidades estranxeiras certificadoras, como é o caso destas probas.
Cómpre lembrar que na primeira convocatoria deste tipo que se levou a cabo o curso pasado os resultados acadados foron moi satisfactorios, xa que superaron as probas o 84% dos alumnos presentados.