Familias, profesorado e alumnado cualifican de bo o clima de convivencia escolar en Galicia, e consideran que mellorou nos últimos anos
Así se desprende da II Enquisa sobre Convivencia Escolar realizada pola Consellería de Educación e cuxo avance de resultados foi presentado hoxe na reunión do Consello Galego da Convivencia.
A conselleira Carmen Pomar subliñou que o índice xeral de satisfacción das familias segue a ser moi elevado, xa que máis de oito de cada dez están contentos co centro ao que acode o seu fillo ou filla e manifestan que non existen conflitos de convivencia nos centros
A titular de Educación defendeu a necesidade de visibilizar tamén as condutas positivas e a tolerancia cero contra a violencia e a discriminación, na medida en que exercen “efecto contaxio” sobre o conxunto da comunidade
Tanto familias, como profesorado, alumnado e o persoal non docente que traballa nos centros escolares de Galicia coinciden en sinalar que, en xeral, existe un bo clima de convivencia nas aulas e tamén en que se constatan melloras nos últimos anos.
Así se desprende dos datos da segunda edición da Enquisa sobre Convivencia Escolar realizada pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e cuxos resultados foron avanzados hoxe na reunión do Consello Galego da Convivencia que presidiu a conselleira Carmen Pomar.
Pomar explicou que a enquisa é unha ferramenta importante para testar a convivencia escolar, ver a evolución no tempo e a partir de aí poder implementar medidas axeitadas para a eliminación de todo tipo de condutas contrarias á convivencia.
Os datos obtidos arroxan que en Galicia existe un bo clima de convivencia e o 60% das persoas que responderon á enquisa mesmo considera que a convivencia mellorou nos últimos anos, unha evolución positiva que se observa en todos os colectivos.
Ademais, o índice de satisfacción xeral das familias cos centros onde teñen escolarizados aos seus fillos ou fillas é do 84,2%, o que experimenta un incremento porcentual duns 3 puntos con respecto á primeira enquisa que se realizou como experiencia piloto no curso 15-16.
Condutas positivas fronte ás negativas
Carmen Pomar explicou que nesta última enquisa se introduciron novos aspectos, como a avaliación das condutas positivas ou temas relacionados coa inclusión, a tolerancia cero e a igualdade. Ademais de dar visibilidade aos conflitos, a conselleira defende que “hai que visibilizar tamén as condutas positivas, na medida en que exercen de efecto contaxio no conxunto da comunidade”.
A este respecto a conselleira asegurou que se perciben resultados moi alentadores xa que se detecta que as condutas positivas (case o 80% no ensino obrigatorio e o 76% no postobrigatorio) multiplican por catro as condutas negativas (en torno a un 21% e un 24% segundo sexa ensino obrigatorio ou postobrigatorio).
Outro dos aspectos salientables é que tanto os alumnos (sobre todo as alumnas) coma os centros son moi proactivos contra as condutas violentas ou de discriminación. Sete de cada dez nenos manifestan actitudes de tolerancia cero á violencia, evitando que se traten mal aos seus compañeiros.
A colaboración e o respecto que existe tanto entre docentes e alumnos como entre docentes e familias e entre pais e nais e os seus fillos resulta positiva en termos xerais e desde todos os puntos de vista. De feito, máis do 95% das familias din depositar confianza no profesorado dos seus fillos; que tamén lle dan unha nota alta ao liderado inclusivo que exercen os centros (valorado por case nove de cada dez familias).
Conflitos, tipos de condutas e espazos onde se producen
Preguntados sobre a existencias de conflitos, máis do 85% das familias, profesorado e persoal consideran que non existen conflitos de convivencia nos seus centros, ou se existen, prodúcense de xeito moi puntual.
Respecto ao alumnado, o 72% declara non ter padecido nunca ao longo da súa escolarización ningunha conduta negativa. Unha porcentaxe que coincide co que expresan as familias, xa que o 70,5% declaran que os seus fillos non teñen nunca padecido ningunha conduta negativa.
Canto á tipoloxía das condutas negativas rexistradas, no ensino obrigatorio as que máis se repiten son faltar ao bo trato verbal como insultar ou poñer alcumes (7,6%); relacionadas co desenvolvemento da clase como chegar tarde, faltar sen xustificación ou interromper e molestar (o 7,1% delas); e relacionadas co coidado persoal tanto de hixiene como da saúde (6,1%). En canto a espazos, a meirande parte delas prodúcense no recreo ou nos arredores do centro; e tamén nos momentos de entrada e saída do centro ou nos corredores.
No caso do ensino postobrigatorio repítense as mesmas condutas aínda que muda a orde xa que a máis habitual é a relacionada co desenvolvemento da clase (9,2%), a segunda é relativa ao coidado persoal (8,4%) e a terceira é faltar ao bo trato verbal (8,3%). Os espazos tamén se repiten, como o recreo e os arredores do centro, e os momentos neste caso en primeiro lugar sitúanse os intercambios de clases, as propias clases e os corredores.
Cuestionario en liña con 169.000 entrevistas obtidas
Este II macrocuestionario sobre convivencia nas aulas cuxos resultados agora se avanzan foi lanzado o pasado 2019 co fin de actualizar os datos obtidos na primeira edición piloto de 2015.
Este macrocuestionario -con 169.000 resposta obtidas- estaba dirixido ao conxunto da comunidade escolar, entre os que se incluíron alumnado a partir de 5º curso de primaria, docentes, familias e persoal non docente, e para todas as etapas educativas (infantil, primaria, secundaria, FP, Bacharelato, escolas de idiomas e conservatorios de música).
Ao igual que ocorreu co anterior cuestionario, unha vez concluído o proceso, cada centro escolar recibirá os seus resultados debidamente organizados. E, a partir deles, deberá analizar o seu caso particular e implementar o seu propio Plan de Convivencia. A maiores, a Consellería realizará unha análise global da convivencia escolar en Galicia que sirva para orientar a toma de decisións desde evidencias sólidas.
Esta acción enmárcase dentro da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020 “educonvives.gal”, para afondar en medidas a prol dunha escola inclusiva e da mellora no clima nas aulas da nosa comunidade.