Educación reparte 595.012 libros gratuítos do Fondo Solidario
Sete de cada 10 alumnos que participan no programa recibiron seis ou máis manuais con cargo a dito fondo
A Consellería tamén concedeu preto de 26.600 axudas para mercar libros no caso dos rapaces de 1º e 2º de primaria e de Educación Especial, que non se xestionan a través do Fondo Solidario
Preto de 93.000 alumnos beneficiáronse de vales para adquisición de material escolar
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional repartiu de forma gratuíta no presente curso escolar un total de 595.012 libros de texto do Fondo Solidario, o que alcanza a un total de 101.824 alumnos de 3º a 6º curso de Educación Primaria e dos catro cursos de ESO. Así mesmo, outros 26.592 alumnos se beneficiaron das axudas da Consellería para a adquisición de manuais, destinadas aos rapaces matriculados en 1º e 2º de Educación Primaria ou Educación Especial (que quedan fóra do sistema do Fondo Solidario, xa que se trata, con carácter xeral, de material non reutilizable).
A asignación de manuais dispoñibles no Fondo Solidario faise por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar e, de ser necesario, o centro adquire os libros complementarios que sexan precisos para garantir unha cobertura similar á que se presta en función da renda nos cursos cubertos pola convocatoria de axudas (6 ou 4 libros por alumno/a segundo o caso).
Deste xeito, e atendendo aos criterios de renda, case sete de cada dez alumnos de Primaria e de Secundaria beneficiarios do fondo recibiron seis ou máis libros de balde; é dicir, que tendo en conta que a media de manuais nos centros é de seis por curso, nestes casos quedou cuberta a práctica totalidade das súas necesidades.
O Fondo Solidario está deseñado para garantir que as familias con rendas máis baixas sexan as primeiras destinatarias do programa de forma que poidan ser beneficiarias do maior número de libros dispoñibles.
Axudas para compra de libros
No que atinxe ás axudas para a adquisición de libros -dirixidas a quen cursan 1º e 2º de Primaria e de Educación Especial-, beneficiáronse un total de 26.592 alumnos neste curso.
Neste caso, as contías, condicións e requisitos mantéñense invariables con respecto ao curso anterior. Isto é, 170 ou 90 euros por alumnos en función dos tramos de renda; a excepción do alumnado de educación especial ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% (supostos no que non se ten en conta a renda), que recibe 250 euros.
Axudas para material escolar
No actual curso 2019/2020 un total de 92.966 alumnos recibiron vales para a adquisición de material escolar. Trátase de axudas de 50 euros destinadas ao alumnado matriculado en Educación primaria ou secundaria obrigatoria (cuxa renda per cápita familiar sexa igual ou inferior a 5.400 euros), e ao alumnado de Educación Especial ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% (con independencia da renda).
Cómpre lembrar que un requisito fundamental para acceder ao fondo solidario, ou recibir as axudas para libros ou material escolar, é ter devolto os libros recibidos do fondo o curso pasado.
Un sistema solidario con tres eixes
O sistema solidario habilitado pola Consellería de Educación para garantir unha educación accesible ao conxunto do alumnado susténtanse en tres eixes fundamentais: o Fondo Solidario de libros de texto, as axudas á adquisición de libros de texto (para aquelas ensinanzas e cursos cuxos materiais non son reutilizables) e as axudas para a adquisición de material escolar.
O importe total destinado pola Consellería para o financiamento deste programa ascende a case 12,1 millóns de euros a razón de 5,4 millóns para os vales de material escolar, 4,6 millóns para as axudas de libros de texto, e 2,1 millóns para a adquisición -por parte dos centros educativos- de libros de texto complementarios aos existentes no Fondo Solidario, co fin de garantir a súa dispoñibilidade ao alumnado cuxo nivel de renda lle dea dereito a dito fondo.