Cinco centros escolares participarán nun intercambio de boas prácticas educativas fóra de Galicia

A Consellería de Educación vén de seleccionar os participantes no programa de innovación educativa Observa_Acción, que inclúe estadías en Castela e León, Asturias e A Rioxa

Lun, 30/12/2019 - 12:02

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de seleccionar os cinco centros escolares galegos que participarán nun intercambio de boas prácticas educativas fóra de Galicia (Asturias, Castela e León e A Rioxa) a través do programa de innovación educativa Observa_Acción: Innovación docente dende a observación e o intercambio entre iguais

Na modalidade Innova_Acción o centro seleccionado é o CEIP Padre Crespo (Xunqueira de Ambía), mentres que na modalidade Dixitaliza_Acción os centros participantes serán o CEIP Plurilingüe da Espiñeira- Aldán (Cangas) e o IES Frei Martín Sarmiento (Pontevedra). Na modalidade Comunica_Acción seleccionouse o CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés (Oroso) e o IES A Basella (Vilanova de Arousa).

De cada un dos centros participarán neste programa de innovación CATRO persoas do claustro, incluído un membro do equipo directivo.

A iniciativa -que involucra 20 docentes- ten como finalidade fomentar o desenvolvemento nas Competencias Profesionais Docentes para a cooperación e colaboración, construción conxunta de coñecemento e o liderado e xestión de centros a través do intercambio de boas prácticas e a observación entre iguais.

A convocatoria deste programa divídese en tres modalidades. Innova_Acción céntrase na asociación de centros con boas prácticas en implantación de metodoloxías activas e colaborativas, educación inclusiva, novas propostas didácticas e competencias, transformación na organización de centro, espazos de aprendizaxe e avaliación, entre outras.

Pola súa parte Dixitaliza_Acción vai dirixida a centros con boas prácticas no desenvolvemento das TIC como ferramentas de aprendizaxe, robótica, realidade virtual, espazos maker e STEM; e Comunica_Acción a aqueles que son exemplo no tratamento integrado de linguas, no desenvolvemento do plurilingüismo ou en procesos de internacionalización.

Fases

Observa_Acción desenvolverase ao longo do presente curso a través de varias fases. A primeira delas será de formación inicial para todos os participantes no programa, a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación; mentres que a segunda pasará pola toma de contacto entre centros irmandados.

Para iso faranse asociacións de centros que desenvolverán procesos de observación mutua. O equipo dun centro visitará os asociados ao longo de dúas xornadas lectivas completas, proceso que se desenvolverá despois á inversa.

Por último realizarase unha coavaliación e avaliación final que inclúa unha reflexión para a innovación e a mellora da propia práctica docente a nivel individual e de centro. Isto farase nun encontro que terá lugar nunha das comunidades autónomas participantes coa presenza de todos os centros educativos e na que se avaliarán os resultados do programa.

Novas vías para a innovación

Este programa procura experimentar novas vías de formación do profesorado e favorecer a innovación educativa entre os docentes de Galicia, así como con centros doutras comunidades autónomas e doutros países socios en proxectos internacionais.

Non en balde, os intercambios inter-centros e inter-pares facilitan que os docentes  observen de forma directa metodoloxías, distintos enfoques didácticos nos procesos de ensino-aprendizaxe, outras formas de relación e comunicación, ou diferentes vías de xestión dos recursos propios e alleos, fomentando a adaptación e a aplicación do aprendido na súa praxe diaria.

Ademais, o proceso que leva consigo o programa contribúe a fomentar o traballo en equipo dentro do propio centro, entre aqueles que teñen intereses compartidos.

Cómpre sinalar que a participación neste programa vai asociada ao desenvolvemento dun programa de formación do profesorado no centro (PFPP) no pasado curso 2018/19.