Carmen Pomar participa na entrega dos premios rebulir 2019 a Rosa Cedrón, Antonio Durán “Morris” e a Coral de Ruada

As figuras coas que se agasallou aos premiados foron creadas por estudantes do programa formativo básico de Cerámica do CEE Manuel López Navalón

Sáb, 21/12/2019 - 18:00
Carmen Pomar participa na entrega dos premios rebulir 2019 a Rosa Cedrón, Antonio Durán “Morris” e a Coral de Ruada

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou esta tarde na entrega dos premios Rebulir da Cultura Galega 2019 no marco do XIV Festival Internacional Rebulir 2019, na localidade ourensá de Ramirás. No acto tomaron tamén parte o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel; e o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo.

Carmen Pomar entregoulle o galardón na categoría de Artes Escénicas a Antonio Durán “Morris”, mentres que o presidente do Parlamento, Miguel Santalices llo entregou a Rosa Cedrón na categoría de Música Galega. Pola súa banda, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, foi a encargada de dar o premio á Coral De Ruada na modalidade de Homenaxe.

Os galardóns, que nacen no ano 2012 como un recoñecemento a persoas ou colectivos que contribúan á difusión e posta en valor da cultura autóctona nas súas diferentes manifestacións, teñen como un dos seus principais obxectivos a proxección exterior do nome de Galicia, especialmente a través do establecemento de vínculos interculturais e de raíz. Este ano as figuras coas que se agasallou aos premiados foron elaboradas polo alumnado do programa formativo básico de Cerámica do Centro de Educación Especial Manuel López Navalón (Santiago de Compostela).