A Xunta de Galicia recoñece o traballo de seis centros de ensino no concurso Eduemprende Idea
Os conselleiros de Educación e Economía presidiron hoxe a entrega dos galardóns
O certame ten como obxectivo potenciar a realización de proxectos empresariais polo alumnado das ensinanzas de FP, deportivas ou de artes plásticas e deseño
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, presidiron hoxe a entrega dos premios do concurso Eduemprende Idea 2019, un certame que ten como obxectivo potenciar a realización de proxectos empresariais polo alumnado das ensinanzas de FP, deportivas ou de artes plásticas e deseño.
A conselleira de Educación deulles os parabéns tanto ao alumnado participante como ao gañador deste certame polo seu espírito emprendedor, moi valioso na sociedade actual, na que “o talento e as ideas son o que marca a diferenza, o máis importante”.
“Está mañá estades aquí algúns dos mellores expoñentes galegos do espírito emprendedor, motor do crecemento da economía e que favorece, tamén, a cohesión social ao contribuír non só ao voso desenvolvemento persoal, senón a darvos a oportunidade de mellorar a vosa empregabilidade en calquera ámbito ou situación”, destacou, lembrando que “outras persoas estiveron neste mesmo lugar, con proxectos premiados dos que algúns son hoxe empresas en funcionamento”.
Pomar sinalou que este certame naceu no marco do Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia (Eduemprende) co obxectivo de implantar a cultura emprendedora na comunidade educativa. “Foi, ao tempo, unha resposta ás necesidades da sociedade e aos cambios na concepción dos procesos de ensino e aprendizaxe, para reforzar os vínculos entre educación, empresa, investigación e innovación”, explicou.
Pola súa banda o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou que a Galicia do futuro será tamén a Galicia máis preparada, apuntando que os emprendedores xogarán un papel clave, xa que, grazas ao seu esforzo o tecido empresarial galego se reforza e medra.
Conde fixo fincapé en que a educación se converte no vehículo idóneo para implantar a cultura do emprendemento non só entre os máis novos durante a etapa de formación, senón tamén no mercado laboral entre os profesionais, mellorando a súa cualificación para asegurar un rendemento máis elevado. Apuntou que Galicia se encamiña na boa dirección para asegurar o benestar dos seus emprendedores, e así, ata 3.436 novas empresas se crearon este ano na Comunidade. Ademais, segundo o informe GEM, o emprendemento de menores de 40 anos supón o 24% do total.
Na modalidade A, dirixida a alumnado de ciclos de grao superior, resultaron premiados os seguintes centros e estudantes:
Premio |
Centro |
Proxecto |
Autoría |
1º |
CIFP Paseo das Pontes (A Coruña) |
Biofroita |
Rebeca Poces Piñeiro Olga Parshakova Ángela Fernández Gómez |
2º |
IES Fernando Wirtz Suárez (A Coruña) |
Fungal Materials |
Inda Alvarado Pérez Karlos Martín Sánchez Marcos Daporta González José Ramón Mosquera Ríos |
3º |
IES de Rodeira (Cangas) |
Systerra |
Sara González Núñez Rubén Lino Mandado Andrés Abal Aldao Daniel Sotelo Pérez |
Na modalidade B, dirixida a alumnado de ciclos de grao medio, resultaron premiados os seguintes centros e estudantes:
Premio |
Centro |
Proxecto |
Autoría |
1º |
CIFP Coroso (Ribeira) |
KAD Kids and animals detection |
Óscar Laíño Carril David Vázquez Teira |
2º |
IES Montecelo (Pontevedra) |
Luscofusco The Braille's T-Shirts |
Iria García Viñas Thalia Diego Martínez |
3º |
CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo) |
G&R Dos mundos. Un futuro |
Getiza Bermeu Camargo Juan José Rey Angueira |
Nas dúas modalidades o premio consiste na incorporación a un viveiro de empresas da Consellería de Educación, no asesoramento técnico do Igape e nunha dotación económica de 3.000 € (1º premio), 2.000 € (2º premio) e 1.000 € (3 premio).
As persoas participantes deberon achegar coa solicitude unha ficha das e dos integrantes do grupo (mínimo de 2 e máximo de 4) e un proxecto de empresa, así como un resumo executivo e un vídeo do mesmo.
O concurso conta coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape. Ademais, os premios están cofinanciados polo Ministerio do ramo e polo Fondo Social Europeo.