Os galardoados no XIV Festival Internacional Rebulir serán agasallados con figuras elaborados por alumnado do CEE Manuel López Navalón (Santiago de Compostela)
Foron creadas por estudantes do programa formativo básico de Cerámica deste centro
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, asistiu onte á presentación das figuras elaboradas por alumnado do Centro de Educación Especial Manuel López Navalón (Santiago de Compostela) que se entregarán como premio aos galardoados no XIV Festival Internacional Rebulir (FIR). Baixo o nome de Lembranzas, estas obras foron creadas polos estudantes do programa formativo básico de Cerámica deste centro compostelán.
Carmen Pomar agradeceu ao FIR “este encargo tan especial”. Así mesmo destacou o labor do CEE Manuel López Navalón, “que ten o lema A maxia da diversidade e no que se comprometen para sacar o mellor do seu alumnado, persoas extraordinarias con capacidades diferentes”.
Na presentación participaron tamén o alumnado e as súas familias, a directora do centro, Carmen Mª Otero Parga; e o director do FIR, Alexandre Sotelino. Ao remate o alumnado do programa formativo básico de Servizos de restauración do CEE Manuel López Navalón ofreceulles un petisco aos asistentes.
Os Premios Rebulir da Cultura Galega 2019 entregaranse o vindeiro sábado 21 de decembro no marco XIV Festival Internacional Rebulir 2019, na localidade ourensá de Ramirás. Os galardoados son Rosa Cedrón (na categoría de Música Galega), Antonio Durán “Morris” (Artes Escénicas) e Coral De Ruada (Homenaxe).
Os galardóns, que nacen no ano 2012 como un recoñecemento a persoas ou colectivos que contribúan á difusión e posta en valor da cultura autóctona nas súas diferentes manifestacións, teñen como un dos seus principais obxectivos a proxección exterior do nome de Galicia, especialmente a través do establecemento de vínculos interculturais e de raíz.