A Xunta difundirá as boas prácticas en materia de igualdade dos Centros Integrados de FP
A través da guía Prácticas para a igualdade de xénero na FP, presentada hoxe nunha xornada na que participaron a futbolista Verónica Boquete e diversos representantes dos eidos empresarial e educativo
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional difundirá boas prácticas desenvolvidas polos Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) en materia de igualdade. A guía Prácticas para a igualdade de xénero na FP foi presentada hoxe na xornada Igualdade de xénero na Formación Profesional, que se desenvolveu no CIFP Politécnico de Santiago e estivo presidida pola conselleira, Carmen Pomar, acompañada pola secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella.
A titular do departamento educativo da Xunta destacou a importancia de erradicar a fenda de xénero “desde todos os ámbitos, empezando polo educativo”, especialmente nunha idade tan sensible como a da maior parte do alumnado de FP. Pomar explicou que a Consellería está a impulsar diversas iniciativas neste sentido como por exemplo, e en colaboración coa Secretaría xeral de Igualdade, o I Plan de actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-2020.
“Funciona tamén desde o curso pasado –dixo– a Asesoría de Igualdade, para axudar a desenvolver as políticas de igualdade de xénero e as actuación que teñen que ver coa diversidade sexual e de xénero”. Tal e como destacou a conselleira, esta asesoría “responde á evolución social e á normativa aplicable ao sistema educativo, que sitúa a igualdade como un elemento transversal na organización e na vida nos centros”.
Pola súa banda, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, indicou que dende hai anos o Goberno Galego traballa en levar a cabo medidas e accións concretas de igualdade e prevención da violencia de xénero no ámbito educativo, xa que segundo explicou resulta imprescindible que a mocidade comprenda e identifique a violencia de xénero e recoñeza os primeiros sinais dos malos tratos.
Por iso, dende a Xunta estase a traballar na prevención de actitudes sexistas e discriminatorias dende os máis novos, impulsando tamén o cambio de roles, das actitudes, e dos estereotipos que sustentan a desigualdade de xénero. Avanzando para consolidar un sistema educativo comprometido coa igualdade de oportunidades para nenas e nenos sen estereotipos de xénero, baseado na educación en valores e no respecto.
Exemplo de igualdade
A guía Prácticas para a igualdade de xénero na FP, que xa se pode consultar no Portal de FP, recolle actividades no ámbito da igualdade de xénero propostas polos diferentes centros que integran a rede de Centros Integrados de FP de Galicia, agrupadas en 5 actuacións baixo os epígrafes Na senda da redución da fenda de xénero, Emprender non ten xénero, Ler e falar en igualdade, Sen violencias e Igualdadetec. O obxectivo da publicación é difundilas entre os centros para a súa réplica.
A segunda parte da guía recolle un exemplo dun Plan de Igualdade. Cómpre lembrar que cada un dos 20 centros que constitúen a Rede Galega de Centros Integrados de Formación Profesional conta xa, dende o primeiro trimestre do curso 2019/2020, cun Plan de Igualdade.
A iniciativa enmárcase no acordo de colaboración asinado entre Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional o pasado febreiro, que establecía entre as súas medidas a mellora de plans de igualdade nos CIFP.
Experiencias de mulleres
Na xornada de hoxe participa a futbolista Verónica Boquete para contar a súa experiencia persoal no mundo do fútbol, un deporte con moito peso masculino. Así mesmo desenvolverase unha mesa coloquio con representantes do sector empresarial e educativo que falarán das súas experiencias nestes ámbitos.
Nela tomarán parte mulleres que ocupan postos de responsabilidade, como Pilar Martínez, do Departamento de Recursos Humanos de Dinahosting S.L; a directora de Agua de Mayo e fundadora de Sumamos Red de Mujeres Profesionales, Maite Torres; e a directora de Formación e desenvolvemento de Domusvi, Andrea Varela. Intervirán tamén o responsable da Área legal de Talento de Aluminios Cortizo, Pablo Lorenzo; o director do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol), Fernando López; e o xefe do departamento de Información e Orientación do CIFP Carlos Oroza (Pontevedra), Alberto Rodríguez.
Ademais, no marco da xornada presentarase o Plan de Igualdade deseñado polo CIFP Compostela como modelo na elaboración dun plan de igualdade nun centro con ensinanzas de formación profesional. Os destinatarios do encontro son as persoas responsables da Dirección e das Xefaturas de Departamento de Orientación dos centros de FP de Galicia.