Educación clausura o curso sobre Biotecnoloxía destinado a formación do profesorado, en Santiago
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa salientou a proxección de futuro desta sector
A mellora formativa do profesorado é unha das bases fundamentais para ter un sistema educativo de maior calidade
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira Lema, representou a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no acto de clausura do curso de “Biotecnoloxía para a formación do profesorado de Formación Profesional”, celebrado durante esta semana no CIFP Politécnico de Santiago de Compostela.
O representante de Educación rematou a xornada cun discurso de peche no que salientou o futuro do sector “a biotecnoloxía mellorará o tratamento dos residuos, levará a química a unha vertente máis verde e sostible, favorecerá a produción de enerxía, o diagnóstico xenético e outras actividades da vida diaria, e suporá un desenvolvemento laboral importante”, dixo.
O curso, que xa foi inaugurado este luns polo conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, reuniu agrupou ao longo da semana a máis de 70 profesores de Formación Profesional das familias de Agraria, Industrias Alimentarias, Química e Sanidade de case todas as comunidades autónomas.Ademais tamén estiveron presentes 25 dos máis prestixiosos relatores dos diferentes ámbitos da biotecnoloxía do noso país, así coma varias empresas representativas do sector que apoiaron a congreso formativo.
Mellor formación
A finalidade do curso foi o perfeccionamento da formación do profesorado coa fin de afrontar con éxito o futuro do sector biotecnolóxico. É necesario salientar a importancia do sector así coma a súa proxección de futuro e a necesidade de implicación de Galicia no eido da biotecnoloxía, pois constitúe un ámbito emerxente cun gran potencial e multitude de aplicacións en moitos ámbitos da vida diaria.
A evolución que experimentará nos vindeiros anos a biotecnoloxía demanda unha crecente cantidade de profesionais cualificados a cal a Formación Profesional debe dar resposta. A mellora do sistema educativo dende a base constitúe unha das principais liñas de actuación da Consellería de Educación. Polo tanto, con este tipo de actos preténdese lograr a adaptación do sistema de ensinanza público con perspectivas de futuro cara a novos sectores emerxentes, ademais de mellorar o nivel de coñecementos do profesorado como garantía de excelencia educativa. Un profesorado do que a Consellería destaca a súa profesionalidade e bo facer, que é clave na formación dos estudantes galegos.