O conselleiro de Educación visita o CEIP Juan Rey, na localidade lucense de Lourenzá

Vázquez Abad interesouse polas necesidades da comunidade educativa do centro

Ven, 22/07/2011 - 12:32

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o CEIP Juan Rey, na localidade lucense de Lourenzá, acompañado da delegada da xunta en Lugo, Raquel Arias, e do xefe territorial de Educación na provincia, José Jesús Ramos Ledo, do alcalde de Lourenzá, Vidal Martínez- Sierra, do director do centro, Valentín Eduardo Iglesias Villar, e e representantes da Asociación de Nais e Pais.

No seu percorrido polo centro, Vázquez Abad aproveitou para coñecer de primeira man os intereses e necesidades da comunidade educativa deste centro, no que estudan 128 alumnas e alumnos de infantil e primaria.

O conselleiro reafirmou ademais o compromiso do departamento que dirixe con este colexio, a través de melloras como as realizadas no muro do centro e as de acondicionamento da zona infantil, que supuxeron un investimento por parte da Consellería de máis de 16.000 euros.

Ademais, Vázquez Abad recordou que este centro participa de forma activa na estratexia de fomento do hábito lector entre os máis novos que está a desenvolver a Consellería de Educación ao abeiro do Plan LÍA 2010/2015 de Bibliotecas Escolares para Lectura, a Información e a Aprendizaxe. Así, o CEIP Juan Rey ten recibido 4.450 euros para o desenvolvemento de diferentes actividades de animación á lectura, así como para a mellora dos recursos e fondos da súa biblioteca escolar