As universidades galegas captaron 342,8 M€ de recursos públicos alleos ao seu plan de financiamento en tres anos, un 40% máis do previsto

Segundo os datos rexistrados, son case 100 millóns de euros máis sobre a previsión inicial contemplada no Plan de Financiamento do SUG

Ven, 06/12/2019 - 12:00

As universidades galegas captaron 342,8 millóns de euros de recursos públicos alleos ao seu plan de financiamento no período 2016-2018, segundo o balance dos fondos procedentes de diferentes administracións que acaba de analizar a Secretaría Xeral de Universidades.

Así, nos primeiros tres anos de vixencia do Plan Galego de Financiamento Universitario (PGFU) 2016-2020 obtivéronse 96,8 millóns de euros máis sobre a previsión inicial, que ascendía a 246 M€ (a razón de 82 millóns/ano).

Estas achegas orzamentarias non vinculadas directamente co plan permiten aumentar e diversificar as fontes de financiamento público das universidades, así como medir a súa capacidade real para ter éxito en convocatorias competitivas fóra de Galicia. Nesta liña figuran axudas ou convenios de distintos departamentos do sector público autonómico ou fondos públicos provenientes doutras administracións, como convocatorias de bolsas e Erasmus, proxectos de I+D+i, acordos con concellos e deputacións ou transferencias da Unión Europea.

A Universidade de Santiago de Compostela foi a que captou a meirande parte dos fondos, con máis de 183 millóns de euros recibidos neste período de tres anos, seguida da Universidade de Vigo con algo máis de 87 millóns de euros captados, e a Universidade da Coruña con preto de 72 millóns de euros. 

Compromiso coa estabilidade e a I+D+i

O Plan Galego de Financiamento Universitario 2016-2020 supón un investimento total de 2.478 millóns de euros, o que supón 373 millóns de euros máis que o plan anterior. Trátase da mellor folla económica da que se dotou o Sistema Universitario Galego (SUG) ata o momento, xa que garante a estabilidade do sistema e abre unha senda de compromiso e calidade coa I+D+I.