Carmen Pomar participa nas IV Xornadas internacionais ‘Xosé Saramago’ impulsada pola Universidade de Vigo
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou hoxe nas IV Xornadas Internacionais Xosé Saramago que baixo o título “Saramago e os desafíos do noso tempo” organiza a Universidade de Vigo na Casa das Campás de Pontevedra.
Carmen Pomar destacou o pensamento do escritor portugués “sempre apegado aos acontecementos e problemáticas culturais, económicas, políticas e sociais do seu tempo”, do que destacou sobre todo o seu activismo en defensa do planeta, da liberdade, da igualdade e dos dereitos humanos.
Estas xornadas reúnen a representantes das seis Cátedras Saramago do mundo, así como das catro cátedras do Camões e doutros organismos que van establecer unha Rede internacional de colaboración interuniversitaria. No encontro –que congrega a expertos investigadores de oito países- ademais de docentes e estudantes das facultades da Universidade de Vigo, tamén participan alumnas e alumnos de Secundaria que estudan lingua portuguesa en Galicia; e complétase con actividades audiovisuais, adaptacións teatrais e unha mostra de banda deseñada sobre a vida de Saramago feita polo alumnado do IES do Barral de Ponteareas.