A Consellería de Educación licita por 702.721,50 € a rehabilitación enerxética do CEIP do Carballal (Marín)
A previsión é adxudicar as obras antes de xuño de 2020
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar na plataforma Contratos de Galicia a licitación da rehabilitación enerxética do CEIP do Carballal (Marín) por un importe de 702.721,50 €.
As actuacións centraranse na mellora da eficiencia enerxética do centro, a través da colocación na fachada de illamento exterior continuo tipo SATE de poliestireno expandido EPS. Así mesmo instalaranse fiestras novas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, e novas persianas de lamas de aluminio inxectadas con espuma de poliuretano para mellora do seu illamento térmico. Todas estas medidas combinadas supoñen un aforro enerxético anual do 24,19% en consumo de enerxía primaria e do 26,52 % en emisións de CO2.
A maiores realizaranse melloras nos revestimentos e carpintería interior e repararanse e pintaranse os paramentos interiores.
Segundo as previsións que manexa a Consellería, o proceso de licitación e adxudicación de obras estará rematado antes do vindeiro xuño de 2020. Os traballos teñen un prazo de execución de 2,5 meses.