A Xunta impulsará a formación do profesorado en educación emocional coa colaboración da USC
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional participou no Congreso “NeuroEMOCIONA”
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou esta mañá na sexta edición do Congreso de Educación Emocional e Neurociencia, “neuroEmociona”, que se celebra hoxe en Santiago.
Durante a súa intervención, Carmen Pomar adiantou que o seu departamento vai impulsar a formación específica do profesorado en educación emocional a través dun convenio coa Universidade de Santiago. Deste xeito, reservaranse 15 prazas para docentes no Curso de Especialización Emocional da USC para que, unha vez formados, exerzan á súa vez de formadores dos seus compañeiros nos centros escolares.
A conselleira explicou que o tratamento da Educación Emocional está presente “desde unha perspectiva integral” nas principais liñas de acción da consellería, e en especial no eido da convivencia; pero que agora se verá reforzada no que atinxe ao ámbito da formación docente.
Lembrou ademais que en Galicia os centros educativos poden traballar na educación emocional con accións de desenvolvemento curricular a través, entre outros, de áreas e materias de libre configuración en Primaria e Secundaria ou programas educativos como o de Educación Responsable, que forma parte da convocatoria anual dos Contratos-programa, e que incide tamén na formación do profesorado.
Esta edición do “NeuroEMOCIONA”, que conta con expertos científicos dos ámbitos da Psicoloxía, da Pedagoxía e da Bioloxía, así como con escritores e divulgadores, céntrase nos últimos descubrimentos en educación emocional e neurociencia e no coñecemento das competencias socio-emocionais.