Constituído o comité organizador do II Cumio Académico e do Coñecemento CELAC-UE que se celebrará en Santiago de Compostela
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e o reitor da USC, Antonio López, presidiron a xuntanza de traballo deste evento que suporá a chegada de arredor de 500 participantes de universidades iberoamericanas e da Unión Europea en marzo de 2020
Educación financia con 353.000 euros a celebración deste cumio internacional que organiza a Universidade de Santiago de Compostela
A USC exercerá como universidade anfitriona e organizadora dun evento no que tamén colaboran as universidades de Vigo (UVigo) e da Coruña (UDC)
A consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e máis o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, presidiron esta mañá a constitución do Comité Organizador do II Cumio Académico e do Coñecemento da comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños e a Unión Europea, CELAC-UE, que terá lugar os días 25, 26 e 27 de marzo do próximo ano 2020 na capital de Galicia.
A de hoxe é a primeira das reunións de traballo para abordar a celebración deste evento internacional que suporá a chegada de arredor de 500 participantes de universidades iberoamericanas e da Unión Europea para debater e poñer en común estratexias de impulso da cooperación e o desenvolvemento inclusivo da educación superior, cun acceso equitativo e de calidade, facilitando o intercambio de coñecementos e a transferencia de tecnoloxías.
A USC será a anfitriona académica e local, así como a institución responsable da organización do cumio, no que ademais da Xunta, tamén colaboran as universidades da Coruña e de Vigo, o Consello Universitario CELAC-UE, a Secretaría General Iberoaméricana (SEGIB) e o Consello Universitario Iberoamericano (CUIB).
Esta xuntanza serviu para traballar na definición dos obxectivos deste Cumio que, como se puxo de manifesto, debe ser un espazo de traballo bidireccional arredor da educación superior, a ciencia, a tecnoloxía e a innovación. Así, constitúe unha plataforma única para avanzar na construción do Espazo Común Euro-Latinoamericano e Caribeño neste eidos, permitindo ao tempo profundar no diálogo co mundo universitario e científico. Neste senso, o comité organizado debateu sobre a definición de catro eixos temáticos que vertebrarán o programa: a construción dese Espazo de Educación Superior Euro-Latinoamiercano e Caribeño; unha Universidade comprometida coa Axenda 2030; Ciencia, Tecnoloxía e Innovación para a Sustentabilidade; e o reto da transformación dixital da educación superior.
Na xuntanza tamén participaron o reitor da Universidade de Vigo (UVigo), Manuel Reigosa; o secretario executivo do Consello Universitario CELAC-UE, Félix García Lausín; a secretaria xeral da CRUE (Conferencia de Reitores das Universidades Españolas), Teresa Lozano; e asistentes internacionais como o reitor da Universidade de El Salvador, Roger Arias; e representantes do Espazo latinoamericano e Caribeño de Educación Superior (ENLACES), da Asociación Nacional de Universidades e Institucións de Educación Superior de México, do Consello Superior Universitario Centroamericano (CSUCA) e da Unión de universidades de América Latina e do Caribe (UDUAL).
Achegas da Consellería
A Consellería de Educación achega un total de 352.900 euros para financiar o desenvolvemento deste encontro que organiza a Universidade de Santiago de Compostela.
A celebración deste II Cumio Académico e do Coñecemento CELAC-UE en Santiago de Compostela foi acordada en outubro de 2017 no marco do Consello Universitario desta entidade na Conferencia anual da Asociación Nacional de Universidades e Instituciones de Educación Superior de México (ANUIES), que tivo lugar en Guadalajara (México); e que contou co visto e prace das tres universidades do SUG.
A Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños (CELAC) é un instrumento intergubernamental de diálogo e concertación política, integrado por países de América Latina e o Caribe, que ten entre as súas atribucións a interlocución e diálogo coa Unión Europea.
Os cumios CELAC-UE reúnen os dirixentes europeos, latinoamericanos e caribeños co obxecto de fortalecer as relacións entre ambas rexións a través de foros de diálogo e cooperación entre os Estados da UE e América Latina e o Caribe.
O I Cumio Académico e do Coñecemento CELAC-UE celebrouse na Universidade de El Salvador en 2017. Os acordos alcanzados quedaron plasmados na Declaración de San Salvador, onde se recolle o ofrecemento do goberno galego como anfitrión do II Cumio Académico e do Coñecemento CELAC-UE.