O concello de Ames implícase na extensión social do galego desde a Rede de Dinamización Lingüística

O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, compartiu co alcalde do municipio, Santiago Amor, os obxectivos desta primeira iniciativa de coordinación e planificación das actuacións de fomento do galego no eido local

Mar, 19/07/2011 - 13:09
O concello de Ames implícase na extensión social do galego
O concello de Ames implícase na extensión social do galego desde a Rede de Dinamización Lingüística

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o alcalde do concello de Ames, Santiago Amor, mantiveron esta mañá o seu primeiro encontro institucional, no que puideron compartir os intereses dos gobernos autonómico e local a prol da extensión social do galego. Na consecución deste obxectivo, a Xunta de Galicia conta co apoio do municipio coruñés, que actualmente forma parte da Rede de Dinamización Lingüística, unha iniciativa posta en marcha en setembro de 2010 pola secretaría xeral para favorecer a colaboración, a coordinación e as accións de fomento do uso do galego desde o ámbito municipal.Durante a súa visita ao concello de Ames, Anxo Lorenzo presentoulle ao alcalde de Ames os piares nos que se asenta a Rede, que pretende ser un punto de encontro para o traballo conxunto en materia de dinamización lingüística entre a Administración autonómica e a local e que ten como fin favorecer que as medidas de fomento do galego cheguen con máis amplitude e eficacia á cidadanía.

Pola súa parte, Santiago Amor manifestou o interese de Ames por contribuír na construción deste marco de colaboración estable entre as administracións autonómica e local e por participar nas iniciativas de dinamización lingüística que a Xunta promove conxuntamente cos concellos. É o caso do programa Bocaberta 2010-2011, que percorreu toda Galicia con actividades para promover o uso do galego entre os máis novos. Ou do novo programa O galego campa, que busca fomentar o uso do idioma entre a mocidade a través dos xogos dos campamentos. A secretaría xeral fíxolle envío recentemente ao concello de Ames, así como ao resto de municipios adheridos á Rede, dos materiais deste programa, que se presentará este venres en Boiro.

No encontro desta mañá entre Anxo Lorenzo e Santiago Amor tamén participou o concelleiro de Educación, Cultura e Patrimonio, Alfonso Rey.

Encontros cos novos alcaldes e visitas aos concellos máis poboados

Actualmente, e logo da constitución dos gobernos locais tras as eleccións autonómicas do pasado 22 de maio, o secretario xeral está a reunirse cos novos alcaldes dos concellos que forman parte da Rede, como é o caso de Ames. Ademais, Anxo Lorenzo iniciou nas últimas semanas unha rolda de visitas aos municipios máis poboados de Galicia –por se facer especialmente necesaria unha adecuada planificación lingüística nas zonas que concentran máis habitantes­–, entre os que tamén se atopa Ames. Cangas, Lugo e Redondela foron outros dos municipios que visitou o secretario xeral nos últimos días e que tamén se atopan entre os máis poboados de Galicia.

Menús News node R

Departamento