Carmen Pomar defende a educación viaria como parte da formación en valores do alumnado dentro e fóra das aulas
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional participou na clausura das IV Xornadas de Educación Viaria organizadas pola Fundación CNAE
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou hoxe na clausura da IV Xornada de Educación Viaria organizada pola Fundación CNAE, onde sinalou que a educación “é a base de todos os cambios sociais” e, neste eido, a escola “presta un servizo esencial na educación da persoa” que se ve reforzado coa implicación do conxunto da comunidade educativa.
Segundo Pomar, os centros educativos son espazos axeitados para fomentar a educación viaria e as actitudes de respecto que inciden na prevención de accidentes de tráfico, pero “para lograr o tan preciso cambio” requírese do conxunto da comunidade educativa.
“O obxectivo común que compartimos -especificou a conselleira- pasa por consolidar e mellorar accións destinadas ao desenvolvemento da educación viaria no ámbito educativo, para que os labores de prevención incidan sobre a minoración das graves consecuencias que produce a accidentalidade viaria”.
En Galicia a educación viaria como ámbito específico da formación en valores é unha materia transversal presente no ensino obrigatorio e recollida na lexislación orgánica de educación xunto cos distintos valores cívicos. A maiores desa transversalidade presente nas diferentes liñas de traballo en todas as etapas educativas, en Galicia, a Consellería de Educación oferta en Secundaria como materia de libre configuración autonómica “Mobilidade escolar sostible e segura” co fin de formar ao alumnado en todos os aspectos relacionados coa mobilidade.
Ademais, desde o departamento de Educación do Goberno galego mantéñense liñas de colaboración con distintos organismos como a Dirección Xeral de Tráfico ou a Fundación RACC no que atinxe á formación do profesorado, iniciativas específicas dentro do Plan Proxecta ou experiencias concretas en centros educativos.