Os concellos de maior poboación, un punto estratéxico para a promoción da lingua galega desde o ámbito local

Anxo Lorenzo reuniuse esta mañá co alcalde de Lugo co fin de valorar iniciativas para a dinamización social do idioma

O encontro enmárcase no interese da Xunta por traballar conxuntamente nesta materia cos concellos, especialmente cos máis poboados, onde se detecta unha maior necesidade de planificación das actividades de dinamización lingüística

O secretario xeral tamén se reuniu hoxe co alcalde de Guitiriz, que amosou o seu interese pola Rede de Dinamización Lingüística

Lun, 18/07/2011 - 20:06

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, reuniuse hoxe co alcalde de Lugo, Xosé Clemente López Orozco, co fin de valorar iniciativas para a dinamización social do idioma entre o Goberno local e o autonómico. O encontro institucional, que tivo lugar esta mañá na cidade das murallas, enmárcase na consecución do obxectivo da Xunta de Galicia de traballar conxuntamente coas entidades locais na promoción da lingua galega.

Esta estratexia de actuación faise especialmente necesaria no caso dos municipios que concentran unha parte importante da demografía de Galicia, xa que é onde se constata, en termos xerais, unha maior necesidade de planificación das actividades de dinamización social da lingua galega. Por este motivo, o secretario xeral trasladoulles recentemente aos rexedores dos concellos máis poboados –entre eles Lugo– o seu interese por manter un encontro institucional no que poder valorar a colaboración no desenvolvemento de medidas que favorezan a extensión social do galego.

Ademais da reunión de hoxe co alcalde de Lugo, o secretario xeral entrevistouse a semana pasada con Javier Bas, rexedor de Redondela, e con José Enrique Sotelo, alcalde de Cangas –outros  dos municipios con maior poboación de Galicia–, que amosaron o seu interese por colaborar coa Xunta de Galicia para favorecer o uso do galego desde o ámbito local.

Unha nova dinámica de traballo

Para poder actuar desde un marco de colaboración estable entre as administracións autonómica e local, a secretaría xeral creou en 2010 a Rede de Dinamización Lingüística, unha iniciativa que busca promover a coordinación das actuacións de fomento do uso do galego desde o ámbito municipal e aumentar a efectividade das mesmas.

Reunión co alcalde de Guitiriz

Co fin de estender a todo o territorio esta nova dinámica de traballo en rede, baseada na coordinación e na planificación, a Xunta de Galicia quere contar coa colaboración de todas as entidades locais. Xa son máis de 80 os concellos que están adheridos á Rede e outros están a amosar o seu interese por pasar a formar parte desta iniciativa É o caso do municipio lucense de Guitiriz. Anxo Lorenzo tamén tivo ocasión de visitar hoxe este concello para reunirse co seu alcalde, José María Teixido, a quen lle presentou os principais obxectivos que persegue a Rede, así como as vantaxes que supón para os seus membros en materia de dinamización lingüística.

Nos próximos días, o secretario xeral ten previsto visitar novas localidades para tratar cos seus alcaldes as posibilidades de colaboración a prol da extensión social do galego

Menús News node R

Departamento