O conselleiro de Educación inaugura un curso sobre biotecnoloxía destinado a formación do profesorado

Vázquez Abad lembrou que a correcta formación do profesorado é unha das bases fundamentais do sistema educativo

O sector biotecnolóxico constitúe unha gran oportunidade de futuro para a sociedade galega

Lun, 18/07/2011 - 10:53
O conselleiro de Educación inaugura un curso sobre biotecnoloxía
O conselleiro de Educación inaugura un curso sobre biotecnoloxía destinado a formación do profesorado

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou na inauguración do curso de Biotecnoloxía para a formación do profesorado de FP, que se celebra dende hoxe  ata o vindeiro venres no CIFP Politécnico de Santiago de Compostela.

Vázquez Abad comezou a xornada cun discurso inaugural no que salientou a crecente importancia  da biotecnoloxía e a necesidade dunha formación continua por parte do profesorado. Neste sentido Vázquez sinalou que “a formación ao longo da vida, esencial en calquera profesión, é vital para os docentes, pois só así estarán en disposición de ofrecer sempre as mellores ensinanzas ao seu alumnado.”

O curso agrupa a máis de 70 profesores de Formación Profesional das familias de Agraria, Industrias Alimentarias, Química e Sanidade de case todas as comunidades autónomas españolas.Tamén están presentes 25 dos máis prestixiosos relatores dos diferentes ámbitos da biotecnoloxía do noso país, así coma varias empresas representativas do sector, todos eles de importancia e renome internacional.

Proxección de futuro

A finalidade do curso é a adecuada formación do profesorado coa fin de que poidan enfrontarse a os retos do futuro nun sector punteiro de gran potencial. É necesario salientar a importancia do sector biotecnolóxico, eido con proxección de futuro de crecente revalorización, no cal Galicia aspira a implicarse ao mesmo tempo que moderniza o conxunto do seu sistema educativo.

Esta adaptación constitúe un reto constante xa enfrontado pola Consellería de Educación, como o demostra a progresiva adaptación dos ciclos de grao medio e superior ás esixencias da lei educativa. Nun período de pouco máis de dous anos, 39 ciclos foron adaptados e espérase que en poucas semanas se desenrolen novas adaptacións curriculares.

A axeitada formación profesorado, unha das liñas prioritarias da Consellería de Educación, constitúe a base do sistema educativo e, por tanto, a implicación do mesmo en cursos deste tipo é unha garantía de excelencia educativa e unha posibilidade de futuro para toda a sociedade galega.