Arredor de 300 directores e directoras participan nunha xornada de formación sobre a función directiva nos centros escolares
A conselleira Carmen Pomar deulles a benvida aos participantes, dos que destacou o traballo de xestión e liderado que exercen desde os centros a prol da excelencia e a calidade educativa
Arredor de 300 directores e directoras de centros escolares participan en Santiago nunha xornada de formación continua impulsada pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional na que se afondará sobre cuestións de interese para a comunidade educativa, como son o uso das redes sociais e a imaxe tanto dentro como fóra do centro escolar, o papel das familias ou servizos coma os comedores escolares e a mellora das infraestruturas e equipamentos educativos.
A conselleira Carmen Pomar achegouse ao Palacio de Congresos e Exposicións, onde ten lugar a xornada, para darlles a benvida aos participantes e poñer en valor o traballo de xestión e liderado que exercen nos centros escolares. “A vosa implicación é clave para incrementar a calidade e os resultados da formación, o éxito do noso alumnado”, subliñou a conselleira, que avogou por traballar dun xeito coordinado entre os centros, a administración educativa e as familias, “xa que -dixo- a busca da excelencia e a mellora da calidade educativa son os nosos obxectivos comúns”.
Pomar lembrou o compromiso do departamento que dirixe cos grandes retos da educación do século XXI, que pasan pola innovación e a adaptación a un mundo globalizado e, sobre todo, por unha maior aposta na atención á diversidade.