Carmen Pomar visita a biblioteca escolar do CEIP de Caión (A Laracha)
O alumnado presentoulle á conselleira as melloras realizadas ao abeiro da participación no PLAMBE
A conselleira felicitou a comunidade educativa pola súa implicación no crecemento deste espazo, que representa o corazón dos centros de ensino
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou hoxe o CEIP de Caión (A Laracha), onde docentes e alumnado lle presentaron as melloras realizadas o pasado curso na biblioteca do centro, ao abeiro da súa participación no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE).
A conselleira felicitou a comunidade educativa pola súa implicación no crecemento deste espazo, que representa o corazón dos centros de ensino. Así mesmo, convidounos a continuar solicitando a participación noutras convocatorias dirixidas a convertela nun centro creativo de aprendizaxes.
Carmen Pomar percorreu as instalacións do CEIP que, ademais de levar no PLAMBE desde o curso 2018/19, se incorporou tamén o pasado ano ao proxecto de libro dixital E-Dixgal, a través do que o alumnado de 5º e 6º de Primaria emprega libros dixitais gratuítos para as familias. Así mesmo o curso pasado o centro desenvolveu dúas iniciativas do Plan Proxecta, en concreto o Proxecto Deportivo de Centro. Centros activos e saudables e Recíclate con SOGAMA.