A Consellería de Educación inviste case 270.000 euros para a atención á diversidade nos centros educativos
Os colexios e institutos galegos benefícianse de axudas para a compra de material para atender ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria inviste este ano case 270.000 euros no acondicionamento e mellora das condicións de estudo do alumnado galego con necesidades específicas de apoio educativo. Grazas a este plan de mellora, un total de 119 centros educativos, da rede de centros sostidos con fondos públicos, poden cubrir as demandas de atención á diversidade do alumnado con estas necesidades.
O obxectivo de cubrir estas demandas é garantir un óptimo desenvolvemento educativo e social de todos aqueles estudantes que por diversos motivos, entre os cales se atopan, situacións asociadas a condicións de discapacidade física, psíquica ou motora, se desenrole correctamente e o mesmo ritmo ca o resto dos seus compañeiros.
Material específico
O departamento educativo da Xunta de Galicia continúa coa asignación de recursos a estes centros coa fin de que teñan cubertas as demandas do alumnado no que respecta á atención á diversidade. Desta forma asignouse material específico aos centros educativos, destacando o reparto de mesas adaptadas, cadeiras posturais, padiolas, guindastres, equipos informáticos e emisoras de frecuencia modulada.
Este equipamento permite o máximo desenvolvemento das potencialidades de todos os estudantes, integrando a todo o alumnado posible mediante a correcta adaptación dos centros de estudo dependentes do goberno galego. Grazas a isto lograrase a mellora da situación educativa actual, contribuíndo ao desenvolvemento dunha sociedade máis xusta sen excluír ao alumnado coas necesidades máis específicas.