O conselleiro de Educación asiste, na Coruña, á entrega de diplomas do curso de verán da UNED “Universidade e Financiamento privado”
Ao longo deste semana analizouse o marco xurídico do patrocinio e a participación das empresas privadas en actividades das universidades
Xesús Vázquez Abad, que estivo acompañado polo xerente da UNED, Jordi Montserrat, despediu aos máis de corenta asistentes ao curso
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe á clausura do curso de verán “Universidade e financiamento privado”, organizado pola UNED e celebrado na Coruña.
O curso, que se celebrou desde o pasado 13 de xullo, tivo como propósito dar resposta á necesidade de que as institucións privadas se involucren na universidade, especialmente en momentos de crise como o actual.
Ao longo deste días os responsables dos diversos relatorios fixeron unha reflexión sobre as actuacións que deben levar a cabo as universidades para ser máis atractivas para as empresas.
As premisas da universidade
Durante a súa intervención o conselleiro destacou que “a universidade debe descubrir, transmitir, aplicar, conservar e superar o coñecemento desde unha aproximación crítica. Pero non pode facelo esquecendo as demandas sociais, que deben ser tidas en conta á hora de determinar a misión e obxectivos da educación superior”.
Asemade fixo referencia á importancia deste tipo de cursos xa que “coincidiredes comigo en que este tipo de xornadas, dirixidas aos membros da comunidade educativa, pero con especial interese no Persoal de Administración e Servizos, resultan de gran transcendencia, xa que analizan aspectos do financiamento e, polo tanto, da xestión das universidades”.
No encontro abordáronse asuntos como o financiamento privado das universidades públicas, que buscan as empresas cos patrocinios, cal é o marco xurídico desta figura, e coñecéronse de primeira man experiencias e exemplos de centros de educación superior que xa contan con algunha modalidade de financiamento. Neste sentido o conselleiro destacou que temas “de tanto calado” van contribuír “á formación dun persoal altamente cualificado para os novos tempos que xa estamos vivindo”.
Os asistentes
No acto, no que o conselleiro estivo acompañado polo xerente da UNED, Jordi Montserrat e pola directora da UNED na Coruña, Susana Blanco; tamén se entregaron os diplomas aos máis de corenta asistentes ao curso, entre os que se encontraban persoal da administración da UNED, estudantes dos distintos centros galegos, e outros chegados desde a universidade Politécnica de Valencia. Asemade foi seguido desde o centro da UNED en Pontevedra, a través dun sistema de videoconferencia.