Educación inclúe no programa “Biblioteca inclusiva” un proxecto piloto de lectura asistida con cans nos centros de ensino
Carmen Pomar compartiu co alumnado do CEIP do Camiño Inglés unha destas sesións
‘Lecturas no Canmiño’ está dirixido especialmente ao alumnado con necesidades específicas de atención educativa
A iniciativa enmárcase en ‘O teu Xacobeo’, o programa posto en marcha pola Xunta para involucrar a toda a cidadanía na programación do vindeiro Ano Santo
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, acompañada da comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, compartiron esta mañá unha sesión da actividade Lecturas no Canmiño con alumnado do CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés, na localidade coruñesa de Oroso. Esta iniciativa, enmarcada no programa O teu Xacobeo, ten como obxectivo motivar o alumnado a ler, en especial aos estudantes con necesidades específicas de atención educativa.
Ao longo deste mes de outubro celebraranse 5 sesións de Lecturas no Canmiño en cinco centros pertencentes ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), en concreto no CEIP Lamas de Abade (Santiago de Compostela), no CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés (Oroso), no CEE Manuel López Navalón (Santiago de Compostela), no CEE Nosa Señora do Rosario (A Coruña) e na EEI de Barrionovo (Arteixo), co fin de practicar e mellorar as habilidades lectoras e de comunicación do alumnado.
Neste sentido cómpre sinalar que a lectura apoiada con cans se emprega en moitos países como método de apoio á aprendizaxe e consolidación da lectura. A través dela procúrase converter o acto de ler nunha actividade lúdica, nun ambiente cálido, onde todo vai a acontecer arredor do can e o alumnado pode estar relaxado e cómodo por non ser o centro de atención. A presenza do can actúa ademais como un elemento motivador, xa que crea un ambiente diferente da clase tradicional e transforma a metodoloxía de ensino, ademais de constituír un “acompañante” que non vai xulgar ao neno e que, polo tanto, lle vai dar maior seguridade. Deste xeito esta experiencia piloto pretende ser unha ferramenta diante das dificultades de aprendizaxe a través do apoio que supón o can.
Coa axuda dos técnicos, o programa permite ademais mellorar a comunicación verbal e non verbal do alumnado, a súa comprensión lectora e promover a aprendizaxe cooperativa e a interacción entre os alumnos, co que iso implica ao nivel do manexo emocional. Ademais, o contido das lecturas propostas e o comentario das mesmas redunda no reforzo de outros contidos curriculares e transversais.
A primeira das sesións en cada centro céntrase en que as nenas e nenos se habitúen ao can e collan confianza con el. O resto das sesións, de aproximadamente unha hora de duración, comeza cunha quenda de lecturas apoiadas co can (cun libro para cada alumno participante, de temática relacionada co Camiño de Santiago). Nas últimas sesións proporanse ademais actividades de carácter lúdico cos cans.
No programa participa Brus, un labrador retriever acreditado como can de terapia no ano 2017 segundo os estándares da Sociedade Internacional de Cans de Terapia polo Corpo Canino Terapéutico Lincoln. En todas as sesións o alumnado e profesorado participante está acompañado por Marta Jaquet Santamarina, psicóloga e técnica en Intervencións Asistidas por Cans. Esta actividade recibiu o apoio de O teu Xacobeo, o programa posto en marcha polo Goberno galego para involucrar a toda a cidadanía na programación do vindeiro Ano Santo, e lévase a cabo a través da colaboración co centro de educación canina Golfo e Dama.
Unha vez avaliados os resultados desta iniciativa e escoitados tanto o profesorado como o alumnado participante, valorarase desde esta consellería a implementación dun programa destas características no conxunto das bibliotecas escolares, toda vez que a experiencia está a resultar altamente positiva.
Viveiro de cidadanía
A visita enmárcase na celebración do Día da Biblioteca, que se conmemora o 24 de outubro desde hai xa máis de dúas décadas a proposta da Asociación Amigos del Libro Infantil y Juvenil. A Consellería edita todos os anos un cartel cun lema conmemorativo para o ano escolar en curso, que neste 2019/20 é Biblioteca escolar, viveiro de cidadanía. O autor do cartel deste ano, que evoca as diversas situacións que unha biblioteca escolar pode facilitar, é o ilustrador Óscar Villán.
O lema afonda no significado que a actividade da biblioteca escolar ten para o alumnado e para a comunidade educativa en xeral, ao servir como “viveiro de cidadanía”, espazo no que medran as xeracións novas e se forman para os retos que o mundo actual nos presenta. Dada a importancia das iniciativas que se desenvolven nela, cómpre reflexionar sobre a distribución dos espazos, a organización dos tempos, a selección dos recursos e, moi especialmente, sobre o enfoque das actividades, co fin de que a biblioteca escolar poida facilitar o diálogo, a lectura crítica, a reflexión, o acceso ao coñecemento, o pensamento, a investigación, a experimentación, a creación, a comunicación, a adquisición de competencias útiles para a vida e para a convivencia, para o desenvolvemento académico e persoal, para unha participación activa nunha sociedade máis xusta e igualitaria.
Neste sentido o lema deste ano pon o foco na necesidade de crear nas bibliotecas escolares un ambiente axeitado para que as alumnas e alumnos desenvolvan a estima por si mesmos e polos recursos naturais e culturais á súa disposición, aprendan a convivir cos outros, adquiran paulatinamente os valores democráticos, o respecto polos Dereitos Humanos e a Cultura de Paz imprescindible para unha convivencia xusta, pacífica e enriquecedora.
Declaracións da conselleira