A Consellería de Educación e o Ministerio asinan a nova addenda ao convenio ‘Escuela 2.0’
A iniciativa enmárcase dentro do Proxecto ABALAR, que persegue continuar integrando ao longo deste ano as novas tecnoloxías da información e comunicación nos centros educativos de toda Galicia
Ao abeiro desta nova addenda, a estratexia contará con 6.484.188 millóns de euros máis para continuar coa súa implantación durante o curso 2012-2013
O Consello da Xunta de Galicia deu hoxe o seu beneplácito á sinatura dunha nova addenda entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Ministerio do ramo para dar continuidade ao convenio ‘Escola 2.0’. Este compromiso, asinado por primeira vez en decembro de 2009, persegue a paulatina integración das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) nos centros educativos galegos, permitindo o uso personalizado dun ordenador portátil por parte de cada alumno e a transformación das actuais aulas tradicionais en aulas dixitais informatizadas.
Para adaptar esta estratexia ás necesidades da Comunidade Autónoma de Galicia, a Consellería de Educación continúa apoiando o Proxecto ABALAR, grazas ao cal arredor de 31.500 alumnos e alumnas de educación primaria e secundaria obrigatoria mellorarán as súas competencias dixitais no vindeiro curso 2011/2012. Coa presente addenda engádense máis de 6,4millóns de euros máis para establecer os mecanismos necesarios para continuar co devandito convenio, achegando novos fondos económicos e cumprindo os correspondentes compromisos de extensión do programa.
Implicacións sociais
O proxecto non simplemente dota de equipamento e infraestruturas os centros de educación, ABALAR fomenta a participación no mundo das novas tecnoloxías do conxunto da poboación. O profesorado, alumnado e o conxunto da sociedade galega terán á súa disposición infraestruturas educativas tecnolóxicas co fin de contribuír ao progreso e modernización do sistema educativo.
A consecución do Proxecto ABALAR nos centros educativos supón a mellora tecnolóxica, pero tamén o cambio das clásicas estruturas de ensino-aprendizaxe. Por tanto esixe o fomento da interactividade, multimedialidade e a Cultura Dixital máis aló das aulas, implicando as familias e toda a comunidade educativa.