Constitúese o Consello para a Coordinación da Docencia Clínica
No mesmo están representadas as consellerías de Educación e Sanidade, e as tres Universidades galegas
Hoxe celebrouse a xuntanza de constitución do Consello para a Coordinación da Docencia Clínica, conformado polas consellerías de Educación e Ordenación Universitaria e Sanidade, e as tres universidades galegas.
Este órgano, creado polo Decreto 104/2011, do 12 de maio (publicado no DOG do 7 de xuño) ten como principal obxectivo afondar na colaboración entre as institucións implicadas na formación dos futuros profesionais da sanidade na nosa comunidade autónoma.
Os asistentes
O encontro no que quedou constituído o Consello para a Coordinación da Docencia Clínica celebrouse esta maña na Consellería de Educación, en San Caetano. No mesmo estiveron presentes o secretario xeral de Universidades, por delegación do Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, José Alberto Díez de Castro; e a xerente do SERGAS, por delegación da Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez.
Representando aos centros sanitarios do SERGAS en que se imparte docencia clínica asistiron o subdirector xeral de Investigación, Docencia e Innovación do Sergas, Javier Paz Esquete; o xefe de sección de Neuroloxía no CHUS, José Castillo Sánchez; o director de Organización e Xestión Clínica no CHUAC, José Manuel Vázquez; e o subdirector médico no CHUVI, Ubaldo Álvarez Torres.
Mentres que en representación das universidades públicas de Galicia, estiveron presentes por parte da Universidade da Coruña o vicerreitor de Profesorado, por delegación do reitor, José Luís Armesto Barbeito; e o profesor, Alfonso Castro Beiras. Pola Universidade de Santiago de Compostela estivo o reitor, Juan José Casares Long e o comisionado para Ciencias da Saúde, Manuel Macía Cortiñas; mentres que pola Universidade de Vigo, asistiron a vicerreitora de Organización Académica, Profesorado e Titulacións, por delegación do reitor, Margarita Estévez Toranzo; e o profesor Federico Mallo Ferrer.
Funcións
O Consello, que se reunirá en convocatoria ordinaria semestralmente, terá entre as súas funcións propor o recoñecemento de centros hospitalarios como hospital universitario, e emitirá informe sobre a proposta de nomeamento dos membros das comisións docentes hospitalarias que se constituirán en cada centro sanitario. Neste eido proporá, ademais, fórmulas de coordinación entre actividades asistenciais, docentes e investigadoras, e fórmulas de organización da docencia clínica dos graos en Ciencias da Saúde.
Doutra banda, será tamén tarefa deste consello emitirá informe sobre a oferta de prazas para o ingreso nos graos en Ciencias da Saúde impartidas polas universidades do Sistema Galego de Universidades en función das necesidades asistenciais de Galicia no sector, sen prexuízo da competencia das universidades e da consellería competente en materia de ensino universitario.