A Consellería de Educación e a Fundación Rosalía de Castro ratifican a súa colaboración na promoción da lingua galega
As dúas entidades danlle continuidade ao convenio para o fomento do galego na semana en que se cumpren 126 anos do pasamento da escritora
O responsable da consellería, Xesús Vázquez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, visitaron hoxe a Casa-Museo Rosalía de Castro
Os dous representantes da Xunta de Galicia tamén foron recibidos na casa consistorial de Padrón polo seu alcalde
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Rosalía de Castro veñen de ratificar a súa colaboración para fomentar o uso do galego a través da literatura, na semana en que se cumpren 126 anos do pasamento da escritora. A sinatura do convenio tivo lugar esta mañá en Padrón, durante a visita que o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, realizaron á Casa-Museo de Rosalía de Castro.
Logo da sinatura do convenio, os dous representantes da Xunta de Galicia tiveron ocasión de visitar as dependencias da casa-museo. Fixérono acompañados pola presidenta da fundación Rosalía de Castro, Helena Villar; pola vicepresidenta, Ana Blanco; polo tesoureiro, Justo Cortizo; pola xerente, Maite Piñeiro e polo responsable do Centro de Estudos Rosalianos, Xesús Alonso Montero. Tamén participaron na visita o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, e a concelleira de Cultura, Carmen Lois.
Iniciativas do convenio
A Consellería de Educación conta coa colaboración da Fundación Rosalía de Castro para impulsar a difusión e a promoción social do galego a través da literatura e, en concreto, da obra e da figura de Rosalía de Castro. Ao abeiro do convenio que subscriben ambas as entidades, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, promóvese a realización de numerosas actividades. É o caso dos actos de homenaxe á escritora no seu 126º cabodano, que se celebrarán o próximo día 15, así como a conmemoración do traslado do seu corpo ao Panteón de Galegos Ilustres.
Neste marco de colaboración tamén se desenvolven iniciativas para divulgar a figura dunha das figuras clave do Rexurdimento, entre as que se inclúen a realización de tertulias e recitais poéticos. A investigación sobre a súa obra é outro obxectivo prioritario da fundación. Para tal fin, creou en 1997 o Centro de Estudos Rosalianos, no que se constitúe a biblioteca e o arquivo rosalianos e no que se realizan labores de investigación co fin de explicar con rigor intelectual aspectos da vida e da obra da escritora. No marco do convenio, este ano preséntase un novo número da Revista de Estudos Rosalianos, o volume cuarto.
Finalmente, o convenio tamén inclúe dous destacados galardóns, como son os premios Pedrón de Ouro e Pedrón de Honra, e mais o VII Premio Rosalía de Castro para Experiencias Pedagóxicas.
Figuras clave da literatura galega
Avanzar na investigación e na difusión da obra de escritores referentes das letras galega é unha das apostas da Secretaría Xeral de Política Lingüística para favorecer a promoción social da lingua galega. Para isto, a Consellería de Educación, a través da secretaría xeral, conta co apoio das principais fundacións de autor. Ademais da Fundación Rosalía de Castro, tamén colabora coa Fundación Vicente Risco, coa Fundación Otero Pedrayo e coa Fundación Carlos Casares.
Encontro co alcalde de Padrón
Na súa visita ao concello de Padrón, Xesús Vázquez e Anxo Lorenzo tamén foron recibidos polo seu alcalde, Antonio Fernández Angueira; pola concelleira de Cultura, Carmen Lois; e pola concelleira de Educación, Elena Romero. O municipio coruñés está a colaborar coa Xunta de Galicia na promoción do galego desde o ámbito local a través da Rede de Dinamización Lingüística.