Novos concellos amosan o seu interese por colaborar coa Xunta de Galicia na promoción da lingua galega
O responsable de Política Lingüística visitou hoxe Cangas e Redondela para establecer novas vías de cooperación no fomento do uso do galego coas entidades locais
Os alcaldes dos dous municipios anunciaron a súa intención de integrarse na Rede de Dinamización Lingüística, da que xa forman parte máis de 80 municipios
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, visitou hoxe os concellos pontevedreses de Cangas e de Redondela co fin de valorar cos seus alcaldes novas vías de cooperación para promover o uso do galego desde o ámbito local.
Durante os encontros, Anxo Lorenzo trasladoulles aos rexedores o labor que está a realizar a Xunta para instaurar, da man das entidades locais, unha nova dinámica de traballo a prol do fomento do galego baseada na planificación e na coordinación. Para isto, a Secretaría Xeral de Política Lingüística aposta por traballar cos municipios a través da Rede de Dinamización Lingüística, unha iniciativa creada o pasado mes de setembro e da que xa forman parte máis de 80 concellos, tres mancomunidades –Arousa Norte, Comarca de Fisterra e Terras de Celanova– e o Consello da Cultura Galega.
O alcalde de Cangas, José Enrique Sotelo, e o alcalde de Redondela, Javier Bas, trasladáronlle a Anxo Lorenzo o seu interese por colaborar coa Secretaría Xeral de Política. Así mesmo, expresáronlle a súa intención de integrarse na Rede de Dinamización Lingüística, unha iniciativa da que o secretario xeral destacou durante as reunións as vantaxes que supón para os concellos.
Que vantaxes ten formar parte da Rede?
Con este fin, Anxo Lorenzo explicoulles aos alcaldes que a Rede busca optimizar os recursos e mellorar a efectividade das actuacións que realizan para promover o galego, evitando a duplicidade de tarefas e de accións. Tamén incidiu no obxectivo de incrementar a calidade nos servizos que lle prestan á cidadanía, así como de potenciar o uso do galego por parte dos concellos na súa relación coas persoas administradas. Ademais, a Rede permite coordinar as vontades dos seus integrantes e agrupar as súas necesidades e obxectivos en materia de dinamización.
O secretario xeral tamén precisou durante os encontros que a adhesión á Rede, sen custo ningún para os concellos, lles dá acceso a programas e actividades de tipo social, educativo, cultural, lúdico etc, así como a diversos recursos, destinados a promover o uso da lingua, deseñados e axustados á realidade de cada un dos municipios. Deste xeito, os concellos poderán participar activamente nos programas da Rede e, polo tanto, contarán con actividades que se programen desde ela, sen prexuízo das que promovan por iniciativa propia. Isto permitirá darlles unha visibilidade global ás actividades co fin de que a súa actuación logre unha repercusión para toda Galicia.
Finalmente, o secretario xeral explicoulles aos alcaldes que a adhesión á Rede favorecerá “un diálogo directo e permanente coa Xunta de Galicia, con outros concellos e con diversas institucións implicadas na promoción do galego desde o ámbito local”.
Envío de materiais aos concellos
Nos próximos días, a Secretaría Xeral de Política Lingüística faralles chegar aos concellos da Rede os materiais do programa O galego campa, unha iniciativa coa que a Xunta busca fomentar o uso do galego entre a mocidade a través dos campamentos. Con este envío, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo pretende que os concellos poidan difundir estes recursos nas actividades de lecer que leven a cabo neste contexto.