O conselleiro de Educación asiste, en Vigo, á recepción de dous vehículos doados por Citroën para a formación de profesorado e estudantes
No acto tamén estivo presente o director da fábrica PSA Peugeot Citroën en Vigo, Pierre Ianni
Os coches serán empregados polos mestres que asisten ao curso de formación “Transporte e mantemento de vehículos” que se imparte esta semana e posteriormente polo alumnado do CIFP Valentín Paz Andrade
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu esta mañá, en Vigo, ao acto de entrega de dous vehículos doados pola fábrica de PSA Peugeot- Citroën para a formación de profesores e alumnos de ciclos relativos á electrónica e mantemento de transportes.
Os vehículos foron entregados no CIFP Valentín Paz Andrade, onde ao longo da presente semana servirán para que 20 profesores de toda Galicia realicen o curso de “Transporte e mantemento de vehículos: esquemas eléctricos”.
Cómpre destacar que estes mestres son representantes dos centros de Formación Profesional que teñen os ciclos de Automoción nas catro provincias de Galicia. Estes profesores serán os responsables de, tras o curso, transmitir todo o aprendido ao resto de profesorado dos departamentos de automoción dos respectivos centros de FP.
Obxectivo do curso
O curso que durará ata o mércores, cun total de 20 horas ten como obxectivo realizar unha análise dos esquemas eléctricos de vehículos, e familiarizar ao profesorado coa simboloxía empregada polos fabricantes nos esquemas eléctricos de orixe, tanto do grupo PSA, como do Volkswagen e de outros fabricantes.
A entrega dos dous coches por parte de PSA Peugeot Citroën permitirá non só este curso de formación, senón que desde setembro engadíranse aos outros 15 vehículos que xa teñen no IES Valentín Paz Andrade e que son empregados nas clases dos estudantes de ciclos relativos a automoción.
Formación no CIFP
Así, no curso 2011-2012 os máis de 200 alumnas e alumnos do ciclo superior de automoción e dos ciclos medios de electromecánica e carrozaría contarán con 17 coches cos que formarse, ademais de diversas carrozarías, motores e distintas partes de coches, coas que realizan as actividades dos distintos cursos.
No acto de entrega dos coches estiveron presentes o director da fábrica de Citroën en Vigo, e o responsable de formación da mesma, Pierre Ianni e José Ramón Coira, respectivamente.
Asemade asistiron representes da Consellería de Educación, entre os que se encontraban os directores xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira, o do Centro de Formación de Profesorado de Vigo, Francisco Javier Portas Olveira; a do CIFP Valentín Paz Andrade, Josefa González Iglesias; e o xefe territorial de Educación de Pontevedra, César Pérez Ares.