A Consellería de Educación reforza as liñas dirixidas ao fomento da igualdade, a convivencia e a inclusión nos contratos-programa
Reformúlanse tamén as liñas de Reforzo, orientación e apoio e de Reforzo de competencias clave en 3º e 4º da ESO
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 25 de outubro, inclusive
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar a convocatoria dos contratos-programa para o curso 2019/20, na que reforza as liñas dirixidas ao fomento da igualdade, da convivencia nas aulas e da inclusión educativa. Deste xeito, o número de liñas de actuación pasa de 7 a 9, coa integración de tres novas: IGUÁLA-T, CON-VIVE e INCLÚE-T.
Por outra banda, reformúlase a liña 1, de Reforzo, orientación e apoio (PROA), que pasa a denominarse REFÓRZA-T. Ademais, fronte ás convocatorias anteriores nas que o reforzo podía ser impartido por docentes do centro ou docentes externos de primaria contratados pola Consellería, no curso 2019/20 desenvolverase unicamente con docencia externa.
Do mesmo xeito, a modalidade 7, ata agora de Reforzo de competencias clave en 3º e 4º de ESO e formación profesional básica, será impartida soamente por docentes externos de secundaria. Esta liña de actuación deixa de dirixirse á FP básica centrándose en 3º e 4º da ESO, e convértese na liña 9, Reforzo de competencias clave en 3º e 4º de ESO.
Ademais as liñas 1, 2 e 9 engaden a partir deste curso 2019/20 como materia obxecto de reforzo as linguas estranxeiras, seguindo a liña de potenciación do plurilingüismo levada a cabo pola Consellería no marco da estratexia Edulingüe.
Destinatarios e prazos
Poderán participar nesta convocatoria os centros públicos de educación especial, infantil, primaria, ESO, bacharelato e FP, en concreto as Escolas de educación infantil (EEI), os Colexios rurais agrupados (CRA), os Centros de educación infantil e primaria (CEIP), os Centros de educación primaria (CEP), os Centros de educación especial (CEE), os Centros públicos integrados (CPI), os Institutos de educación secundaria (IES), os Centros integrados de formación profesional (CIFP) e os Centros públicos de educación e promoción de adultos.
Os centros deberán elaborar un plan para a mellora do éxito escolar do alumnado, sobre unha ou varias das 9 liñas de actuación establecidas na convocatoria. Todo o procedemento de solicitude realizarase a través da aplicación informática https://www.edu.xunta.gal/programaseducativos/. A persoa responsable da dirección do centro será quen terá o permiso de creación da solicitude. O prazo de presentación de solicitudes remata o 25 de outubro de 2019, inclusive.
Liñas de actuación
Tras as modificacións realizadas na convocatoria para este curso 2019/20 as 9 liñas de actuación quedan tal e como se describe a continuación.
A liña 1, REFÓRZA-T, ten como obxectivo mellorar o rendemento académico do alumnado con dificultades, por medio do traballo ou apoio organizado fóra do horario lectivo, para a adquisición das destrezas básicas que lle faciliten a incorporación plena ao ritmo de traballo ordinario e ás esixencias das diferentes áreas e materias do alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de educación primaria, de 1º e 2º de educación secundaria obrigatoria e de formación profesional básica. Entre outras competencias, reforzaranse as destrezas matemática, en ciencia e tecnoloxía e en comunicación lingüística.
A liña 2, de Mellora das competencias clave, centrarase en traballar a competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía e a competencia en comunicación lingüística das linguas curriculares impartidas no centro, co fin de mellorar os resultados e elevar os niveis de éxito escolar. As medidas incluídas nesta actuación serán desenvolvidas por profesorado do centro dentro do horario lectivo. O alumnado destinatario é todo o de Primaria, ESO e FP Básica.
Ao abeiro da liña 3, unha das novidades deste ano, IGUÁLA-T, desenvolveranse accións que interveñan no fomento da coeducación, promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, prevención e tratamento da violencia de xénero, promoción do respecto pola diversidade afectivo-sexual, prevención e tratamento da LGBTIfobia e outras medidas semellantes.
O seu obxectivo é traballar na escola os valores que fomenten a igualdade efectiva entre homes e mulleres, a prevención da violencia contra a muller e as actitudes e comportamentos discriminatorios pola orientación sexual ou a identidade de xénero. Esta modalidade vai dirixida ao alumnado de todos os centros que poden participar na convocatoria.
No caso de CON-VIVE, liña de actuación número 4 e tamén nova neste curso, ten como obxectivo identificar as incidencias relacionadas coa convivencia no seo da comunidade educativa e promover a súa solución e a creación dun bo clima nas aulas.
Para iso estimularanse as competencias emocionais no alumnado (a través de obradoiros de habilidades sociais, de autocoñecemento e outros similares), mellorarase a competencia social e cívica (CSC) e impulsarase a participación colaborativa das familias e doutras institucións e entidades na mellora da convivencia escolar. Esta modalidade vai dirixida tamén ao alumnado de todos os centros que poden participar na convocatoria.
A través da última das liñas novidosas, a 5, INCLÚE-T, desenvolveranse medidas que fomenten e melloren a inclusión no centro dirixidas á atención á diversidade, á inclusión educativa do alumnado, á colaboración con asociacións que traballan na diversidade funcional, ao fomento de recreos igualitarios e inclusivos, ao desenvolvemento de dinámicas de traballo cooperativo e á creación de escolas de nais e pais, e outras medidas semellantes.
Entre os seus obxectivos están favorecer a inclusión dos colectivos máis desfavorecidos, como o alumnado inmigrante, o retornado ou que está en risco de exclusión social e promover medidas que fomenten a inclusión, desenvolvendo estratexias referidas á inclusión e a equidade educativa. O alumnado destinatario é o mesmo que o das liñas 3 e 4.
Nesta convocatoria a liña 6 diríxese á Prevención do abandono temperán e do absentismo escolar, e terá como finalidade atender o alumnado con menor motivación para aprender, de xeito que se lle ofrezan respostas adaptadas ás súas posibilidades e aos seus intereses, para seguir avanzando na súa aprendizaxe, diminuíndo o risco de abandono ou desinterese. Deste xeito, búscase diminuír o abandono e aumentar as posibilidades de éxito escolar no ensino obrigatorio.
Para iso desenvolveranse medidas específicas nos centros con menor índice de titulación ou promoción na educación secundaria e intervirase naqueles centros de primaria e secundaria con maiores taxas de abandono escolar temperán. Ao mesmo tempo impulsarase a coordinación entre organizacións e institucións da contorna.
A Mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia será o obxectivo da liña número 7, que trata de dar resposta ao alumnado con maior motivación para aprender, á vez que supón unha medida de atención á diversidade na que se desenvolverán iniciativas de afondamento nos coñecementos do alumnado, co fin de incrementar a excelencia. Ao abeiro desta modalidade planificaranse diferentes obradoiros. Pódense canalizar a través desta vía as semanas culturais ou científicas, a participación en programas educativos externos ao centro e, en xeral, o traballo por proxectos.
A liña 8, de Mellora da calidade na xestión dos centros, continuará centrándose na xestión administrativa, co fin de implantar un sistema de xestión de calidade de cara á súa certificación e de desenvolver un modelo de xestión que permita estandarizar procedementos comúns dos centros e que permita facilitar a introdución de boas prácticas de xestión educativa.
Finalmente a liña 9, outra das reformuladas, está dirixida ao Reforzo de competencias clave en 3º e 4º de ESO. O seu desenvolvemento suporá a creación de grupos de reforzo da Competencia matemática (PREMAT), da competencia Comunicación lingüística das linguas curriculares impartidas no centro (PRELIN) ou das competencias básicas en ciencia e tecnoloxía (PRETEC).