O galego participa na IV Conferencia Internacional de ALTE, referente europeo na avaliación do coñecemento de linguas
A Secretaría Xeral de Política Lingüística informará no evento sobre as liñas nas que está a traballar a Xunta de Galicia para actualizar o sistema Celga
O idioma galego estará presente na IV Conferencia Internacional de ALTE, a Asociación de Avaliadores de Linguas en Europa (Association of Language Testers of Europe). Baixo o título “O impacto dos marcos para as linguas na avaliación, a aprendizaxe e o ensino desde a perspectiva das políticas, os procedementos e as oportunidades”, a Universidade Jagiellonian de Cracovia acolle desde hoxe ata o día 9 este evento, coincidindo co inicio da presidencia polaca da Unión Europea.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística participa na cuarta edición da conferencia de ALTE. Farao cunha intervención sobre as liñas nas que está a traballar a Xunta de Galicia para actualizar o Certificado de coñecemento en lingua galega (Celga) e axustalo ao Marco común de referencia para as linguas (MECRL), que proporciona unha base común para a elaboración de programas de linguas, orientacións curriculares, exames, manuais etc. en toda Europa.
A IV Conferencia Internacional de ALTE, un dos maiores eventos para os profesionais da avaliación lingüística, pretende ser un encontro científico sobre diversos aspectos da investigación e práctica da avaliación. Como reflexo da diversidade e o alcance desta cita, os relatores son algúns dos referentes internacionais na materia. É o caso de Lyle Bachman, profesor de lingüística aplicada da Universidade de California. Tamén participa a profesora Elana Shohamy, presidenta do programa de ensino de idiomas na Facultade de Educación da Universidade de Tel Aviv.
Que é ALTE?
ALTE é un organismo que agrupa as principais institucións europeas encargadas da avaliación e da certificación dos coñecementos de idiomas. Formada inicialmente polas universidades de Cambridge e Salamanca a finais de 1989, os seus obxectivos céntranse en establecer niveis comúns de competencia lingüística, para facilitar o recoñecemento transnacional das certificacións en Europa. Na actualidade son un total de 34 os integrantes de ALTE, que representan 27 linguas europeas, entre elas o galego.
Os seus membros reúnense periodicamente para intercambiar modelos e sistemas de traballo, así como para colaborar no deseño de materiais comúns. Das últimas iniciativas, unha das máis salientables foi a publicación, o pasado mes de maio, da versión revisada do Manual para o desenvolvemento e exame das probas de lingua (http://www.coe.int/T/DG4/Linguistic/ManualtLangageTest-Alte2011_EN.pdf), na que colaborou persoal da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O sistema Celga
A Xunta de Galicia forma parte desta entidade desde finais de 2005, cando foi admitida como membro de pleno dereito logo de presentar o seu proxecto de certificación do coñecemento de lingua galega. Ese proxecto é hoxe unha realidade, ao establecerse, por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o sistema Celga como recoñecemento oficial das competencias lingüísticas en galego en cinco niveis diferentes, que se corresponden cos niveis que establece o MECRL. Ademais de incorporar a lingua propia de Galicia aos parámetros nos que se moven as outras linguas do noso contorno cultural, o Celga tamén contribúe ao recoñecemento do galego no exterior e á disposición de instrumentos máis rigorosos de aprendizaxe e avaliación.
Máis información sobre a IV Conferencia ALTE en http://www.alte.org/2011/index.htm.