Carmen Pomar anima ao Campus Auga a iniciar o proceso de acreditación para afianzar a senda da especialización universitaria da que foi pioneiro en Galicia
Segundo a conselleira de Educación, trátase de que o campus de Ourense -a través do seu buque insignia que é o Campus Auga- busque un foco de especialización singular e diferente que lle confira unha marca de docencia e de investigación específica
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, anima á Universidade de Vigo a que inicie o procedemento de acreditación do Campus Auga e deste xeito culmine o proceso de especialización e fomento da investigación da que foi pioneiro en 2014 (xa que foi o primeiro campus periférico especializado de Galicia).
A conselleira de Educación, acompañada do reitor da UVigo, Manuel Reigosa, visitou esta mañá o edificio principal do Campus Auga, en Ourense, que leva aproximadamente un ano en funcionamento e que sirve de apoio aos máis 200 investigadores que traballan neste campus de especialización, incluídos os da agrupación estratéxica CITACA.
Carmen Pomar subliñou que o Campus Auga non é unicamente un edificio, senón que é un concepto que engloba seis áreas de investigación, persoal investigador (arredor de 200 científicos) e un conxunto de graos que representan o motor científico de Ourense en torno a áreas moi vinculadas co territorio como é a auga e tamén a industria alimentaria, entre outros.
A conselleira sinalou que esta aposta pola especialización que emprendeu o campus universitario de Ourense a través do Campus Auga require agora dun paso máis baseado na especialización e na investigación. “Trátase de buscar un foco de especialización singular e diferente que lle confira ao campus de Ourense -a través do seu buque insignia que é o Campus Auga- unha marca de docencia e de investigación”.
De feito a Consellería de Educación vén de abrir o procedemento para a acreditación dos campus de especialización, o primeiro proceso deste tipo que arranca no conxunto do Estado co fin de impulsar unha organización territorial tendente a unha maior especialización, o impulso do labor de investigación e a mellora da calidade da docencia.
Esta acreditación impulsada polo departamento que dirixe Carmen Pomar suporá un recoñecemento ao proceso de transformación levado a cabo desde as universidades para acadar os obxectivos de maior especialización, compactidade e calidade da docencia e da investigación. Trátase dun proceso aberto no tempo ao que cada universidade se pode presentar cando considere oportuno e que culminará coa sinatura dun convenio economicamente dotado en función da proposta que faga a propia universidade así como do informe dos expertos que participan no proceso.
Lembrar que o “Programa de Especialización dos Campus do SUG” foi lanzado no ano 2013 co obxectivo de promover a especialización e diferenciación dos campus a través da colaboración estratéxica e do aproveitamento das potencialidades económicas das contornas máis próximas. Este Programa permitiu o desenvolvemento de 8 proxectos con distintos graos de evolución que foron os Campus Industrial (Ferrol), Campus Innova e Campus da Sustentabilidade (A Coruña), todos eles da Universidade da Coruña (UDC); o Campus Terra (Lugo) e o da Cidadanía (Santiago), da Universidade de Santiago de Compostela (USC); e o Vigo Tecnolóxico (Vigo), o Campus Auga (Ourense) e o Campus Crea (Pontevedra), todos eles na Universidade de Vigo (UVigo).
Unha vez superada a fase inicial de deseño e posta en marcha dos mencionados campus de especialización, a Consellería dá un paso nesta transformación habilitando un proceso de acreditación aberto no tempo, no que deberán participar todos os campus, a través do cal se comprobará se a estratexia se adecúa ao logro dos obxectivos fixados e se deseñarán as futuras actuacións que permitan afondar no proceso de especialización no período 2019-22.