Educación participa na entrega de certificados aos primeiros titulados das ensinanzas de cubrición de edificios lousas no CIFP Someso
A Consellería comezou a impartir este ciclo de FP no centro integrado o pasado curso, ao abeiro dun convenio de colaboración coa Consellería de Economía e Industria
O obxectivo é dar resposta ás necesidades do sector da lousa, que está a demandar profesionais cualificados
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe na entrega de certificados aos primeiros titulados do módulo de Cubrición de edificios: lousas, un ciclo que se comezou a impartir no curso 2010/2011 no centro integrado de Formación Profesional (CIFP) Someso. No acto, no que recibiron as súas credencias 9 alumnas e alumnos, participaron o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén, e o secretario xeral técnico da Consellería de Economía e Industria, José Riesgo, videpresidente primeiro da Asociación Galega de Pizarristas, Herminio Blanco, e o presidente da Asociación Nacional de Colocadores de Pizarra (ANCOP), Miguel Ángel Fernández.
Trátase da primeira promoción de técnicos en cubrición de edificios:lousas deste centro, no que se comezaron a impartir estes estudos no curso 2010/2011. De feito estas ensinanzas comezaron a impartirse no centro integrado de Someso ao abeiro dun convenio asinado entres as consellerías de Educación e Economía e Industria o 26 de xullo de 2010, un convenio polo que se establece o marco de actuación para a promoción das ensinanzas relacionadas co sector la lousa. A colaboración manterase para o vindeiro ano académico 2011/2012 a través da sinatura dun novo convenio.
Antes da entrega dos certificados os asistentes ao acto visitaron o almacén de ferros rehabilitado durante o curso escolar 2010/2012 polo alumnado e profesorado do CIFP Someso, con cuberta de pizarra galega doada pola Asociación Galega de Pizarristas. Ademais descubriuse unha placa conmemorativa da recuperación do almacén.
Demanda de profesionais
Os estudantes deste módulo adquiren competencias para organizar e realizar os traballos de cubrimentos de edificios empregando as técnicas e operacións axeitadas, dispoñendo os materiais e as estruturas prefabricadas en condicións de seguridade e calidade establecidas e comprobando as estruturas auxiliares e os medios de seguridade na obra.
Coa impartición destas ensinanzas a Consellería de Educación dá resposta ás necesidades do sector da lousa, que está a demandar profesionais cualificados, abrindo ao tempo as portas ao mundo laboral a estes titulados.