Carmen Pomar destaca o esforzo e a motivación dos 362 universitarios galardoados cos Premios de Excelencia Académica

A conselleira de Educación fixo entrega destes galardóns que por primeira vez outorga o seu departamento aos mellores expedientes académicos de cada un dos cursos (agás o último) de todos os graos ofertados nas tres universidades galegas

Os recoñecementos teñen como obxectivo estimular o aproveitamento académico dos estudantes, incentivar a excelencia e apreciar o esforzo e compromiso que amosan co seu proceso formativo

Ven, 27/09/2019 - 12:57
Carmen Pomar destaca o esforzo e a motivación dos 362 universitarios galardoados cos Premios de Excelencia Académica

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, destacou o esforzo e a motivación dos 362 universitarios galardoados cos premios de Excelencia Académica que por primeira vez outorga a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Así o sinalou durante o acto de entrega destes galardóns, dotados con 1.000 euros e un diploma acreditativo e que forman parte do Plan de Excelencia do Sistema Universitario de Galicia (SUG) para potenciar a calidade das universidades galegas.

Estes premios -que recoñecen os mellores expedientes en cada un dos tres primeiros anos de todos os graos oficiais impartidos no SUG- son unha nova liña de axudas ao estudo da Consellería de Educación, co obxectivo de motivar o alumnado universitario para mellorar o seu currículo e recoñecer a súa actitude de compromiso co seu proceso formativo e o seu mérito e esforzo no estudo. Trátase, por tanto, de estimular o aproveitamento académico dos estudantes e incentivar a excelencia co fin de seguir avanzando na construción dun Sistema Universitario Galego competitivo e de calidade.

“Decidimos convocalos como un xeito de motivarvos para mellorar o voso currículo, xa que acadalos acredita o voso mérito no estudo”, dixo Pomar, quen alentou os galardoados a “seguir formándovos, sempre aprendices, sempre curiosos”. “Sodes estudantes cunha nota media igual ou superior a 8 puntos, cos mellores expedientes de cada curso en todos os graos. Que se di fácil, pero implica un esforzo sostido, un compromiso serio e moitas renuncias”, abondou.

Estes galardóns veñen completar os Premios Fin de Carreira, que cada ano lles outorga a Consellería aos mellores expedientes dos egresados nas universidades do SUG. Nesta primeira convocatoria resultaron recoñecidos un total de 362 universitarios, que se corresponde cos que obtiveron as mellores cualificacións no curso 2017/18 nas tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) en cada un dos cursos de grao oficial, agás o último, e que continuarán os seus estudos nas universidades galegas.

A meirande parte dos premios (o 64,4%) recaeron en mulleres, polo que estas acaparan máis de 6 de cada dez galardóns fronte ao 35,6% dos homes.

Por universidades, o 42,31% dos premios concedidos foron para a Universidade de Santiago de Compostela (USC), o 31,04% para a Universidade de Vigo (UVigo) e o 24,65% para a Universidade da Coruña (UDC).

Requisitos

Cómpre lembrar que son as propias universidades as que seleccionan os expedientes académicos das persoas que, superando a totalidade dos créditos correspondentes a un curso académico completo segundo o plan de estudos na primeira convocatoria, obtivesen a maior nota media, sempre superior aos 8 puntos.

Concédeselle un premio por cada titulación oficial de grao e programas de simultaneidade de graos ao alumnado que finalizase os estudos de 1º, 2º e 3º curso. Quedan excluídos os de último ano por poderen optar aos premios fin de carreira que tamén convoca a Consellería. Para o alumnado dos graos oficiais con máis de catro cursos, segundo o plan de estudos de ditas titulacións, esténdese o premio ata o cuarto curso para os graos de 5 anos e ata o quinto curso para os graos de 6 anos.