Comezan nas universidades os cursos de verán de lingua e cultura galegas para estudantes estranxeiros
Política Lingüística promove estas actividades de formación ao abeiro dos convenios de colaboración subscritos coa UDC, a USC e a UVigo
O responsable do departamento da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, inaugurou esta mañá o curso da Universidade da Coruña
En colaboración coas tres universidades galegas, a Secretaría Xeral de Política Lingüística promove durante este mes de xullo a realización de cursos verán de lingua e literatura galegas para estudantes de fóra de Galicia.
Esta mañá, o responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, participou na inauguración da cuarta edición dos cursos da Universidade da Coruña (UDC), que se desenvolverán desde hoxe ata o próximo día 29. No acto estaban presentes os 20 alumnos e alumnas que participan este ano no curso da UDC, procedentes de universidades doutras comunidades do Estado español e tamén de diversos países de todo o mundo.
O secretario xeral deulles a benvida en nome da Xunta e trasladoulles a importancia que posúe a proxección exterior da lingua e da cultura galegas para o Goberno de Galicia. “Vós formades parte desa proxección exterior a través destes cursos, nos que temos a oportunidade de dar a coñecer a nosa lingua e a nosa cultura fóra das fronteiras da comunidade”, asegurou. Ao fío disto, Anxo Lorenzo incidiu no interese de que cando os estudantes regresen aos seus lugares de orixe sigan mantendo o contacto con Galicia e que desde os seus campos de saber poidan realizar as súas achegas á lingua galega.
Xunto con Anxo Lorenzo, tamén participaron na inauguración o reitor da Universidade da Coruña, José María Barja; o secretario xeral de Universidade da Coruña, Carlos Amoedo; a directora do Servizo de Normalización Lingüística da UDC, Goretti Sanmartín; e a directora do curso, Marisa Moreda.
Programa de actividades
O curso conta cun completo programa con aulas de lingua e cultura galegas que se desenvolverán nas próximas semanas na Facultade de Filoloxía da UDC. Ademais, o alumnado terá a oportunidade de completar a súa formación con visitas a institucións, excursións e outras actividades para afondar no coñecemento da realidade galega.
Os cursos da USC e da UVigo
As universidades de Santiago e de Vigo tamén iniciaron hoxe os seus respectivos cursos de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros, que se prolongarán ata os días 29 e 26 de xullo, respectivamente. Anxo Lorenzo participará mañá na inauguración do curso da Universidade da Santiago, que este ano chega á súa vixésimo cuarta edición. A presentación realizarase ás 12:00 horas no salón de actos da Facultade de Filosofía.