Educación reforzará a formación específica para o persoal docente e non docente dos centros de educación especial

Carmen Pomar visitou o CEE Saladino Cortizo con motivo do inicio do curso escolar

O centro desenvolve diferentes iniciativas como os contratos-programa, o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares ou o Plan Proxecta

Ven, 13/09/2019 - 12:27
Educación reforzará a formación específica para o persoal docente e non docente dos centros de educación especial

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou esta mañá o Centro de Educación Especial (CEE) Saladino Cortizo, en Vigo, onde salientou a entrega do equipo docente e non docente na educación e coidado do alumnado deste centro. Neste sentido anunciou que o seu departamento vai reforzar a formación específica para o persoal dos centros de educación especial.

Carmen Pomar explicou que esta medida se enmarca no compromiso da Consellería coa atención á diversidade, que se completa, entre outras accións, cunha estreita colaboración con estes centros e cos colectivos que traballan a prol do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

A conselleira salientou que o trato personalizado que os escolares reciben neste tipo de centros implica unha dedicación especial por parte do persoal do CEE, que se esforza dun xeito moi especial para acadar unha plena inclusión deste alumnado na sociedade.

Con preto dun centro de alumnos e alumnas, o CEE Saladino Cortizo conta cun persoal docente composto por unha trintena de persoas, ademais de cun equipo non docente integrado por outras 22 persoas.

Carmen Pomar destacou o dinamismo desta comunidade educativa, que fai posible que o centro estea integrado no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) e que participe en iniciativas como o Plan Proxecta ou o Plan de Formación Permanente do Profesorado do centro. Así mesmo o centro desenvolveu o pasado curso a liña 3 dos contratos-programa, de Mellora da convivencia e promoción da igualdade nos centros, que inclúe todas aquelas accións que repercutan e interveñan na mellora do clima escolar e das relacións entre os membros da comunidade educativa.

No CEE Saladino Cortizo impártense ensinanzas de 1º e 2 ciclo, ademais das dirixidas ao tránsito á vida adulta. A maiores, o centro oferta este curso un total de 90 prazas en 5 programas formativos de Formación Profesional Básica, en concreto os de Carpintaría, Lavandaría, Peiteado, Reprografía e Xardinaría e viveirismo.

A través destas últimas ensinanzas o alumnado mantén un completo horto escolar e xardíns. O centro conta ademais con talleres de perruquería, carpintería, emprego doméstico, obradoiros de cociña e fogar, ou aula de artes gráficas, que se suman aos espazos habituais destes centros (aula de psicomotricidade, etc).

 

O pasado mércores un total de 1.220 alumnos e alumnas comezaron o curso 2019/20 nos  35 centros de Educación Especial sostidos con fondos públicos en Galicia.