Título node Learning object

Escola verde
Xov, 12/09/2019 - 12:21

Ficha técnica

Institución:

  • Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda
    • Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático

Ámbito: medio ambiente / desenvolvemento sustentable e concienciación ambiental (o centro poderá escoller un tema específico sobre a sustentabilidade)

Definición: O programa consiste en desenvolver actividades para mellorar o comportamento ambiental das escolas en base ao tema escollido polo centro.

Vinculación cos ODS da Axenda 2030:

  • ODS 13. Acción polo clima
  • ODS 6. Auga limpa e saneamento
  • ODS 7. Enerxía accesible e non contaminante
  • ODS 11. Cidades e comunidades sustentables
  • ODS 15. Vida de ecosistemas terrestres

Temporización: curso completo
Alumnado ao que vai dirixido: infantil (sempre que estea acompañado dalgunha outra etapa educativa), primaria, ESO.
Límite de centros participantes:  ata 10 centros para o Proxecto Escola Verde. Todos deben cumprir a calidade mínima esixida polo programa, segundo os criterios de selección.

Límite de docentes participantes por centro: Mínimo de docentes participantes dous. Un dos docentes será especialista da área de ciencias ou xeografía (secundaria) ou titor (primaria)

Límite de alumnado participante por centro: Sen límite

Criterios de selección:

  • Innovación no tema escollido especificando as actividades que se van realizar durante o curso (0-2 ptos).
  • Presentación de plan de traballo, incluíndo metodoloxía e calendario de actividades (0-1,5 ptos).
  • Transversalidade do proxecto coas materias e as actividades a realizar. Desenvolvemento no ámbito de todo o contexto escolar (0-2,5 ptos).
  • Participación de toda a comunidade escolar e interacción e coordinación entre os mesmos: alumnos, así como distintas etapas educativas, sempre que sexa posible; profesorado, tanto os vinculados directamente ao proxecto como o resto dos profesores; familias; servizos complementarios: limpeza, cociña, transporte, actividades extraescolares etc. (0-2,5 ptos).
  • Beneficios do proxecto, proxección temporal, impacto na comunidade escolar e difusión dos resultados (0-1,5 ptos).

Criterios de exclusión:

  • A participación neste programa por parte dos firmantes conleva o compromiso por parte dos mesmos de cumprir as actividades especificadas e a entrega do produto final, denegándose os beneficios de participar no programa no seguinte curso no caso contrario.

Responsables do programa:

Nome: Isaac Gómez Piñeiro
Departamento: Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático
Teléfono: 881 99 96 59
Correo electrónico: sxinves.info@xunta.gal


Xustificación

Unha Escola Verde é unha escola comprometida co medio ambiente, que integra a sustentabilidade nas súas accións cotiás e non só como un contido a impartir. Unha comunidade global de profesorado, alumnado e persoal non docente cunha alta conciencia ambiental, enfocada á identificación de problemas ambientais, busca de solucións e mellora dos hábitos no día a día no centro escolar.

Obxectivo xeral

O Programa Escola Verde está centrado en acadar cambios de comportamento e fomentar actitudes responsables co medio ambiente. A peculiaridade que posúe o proxecto Escola Verde é que cada centro escolle un tema (xeral ou concreto) relacionado co medio ambiente. Por exemplo, reducir a pegada de carbono do centro educativo ou transformar o recreo nun espazo libre de plásticos.

O obxectivos máis importantes a acadar con este programa é:

  • Axudar aos centros a incorporar os valores da educación para a sustentabilidade en todos os ámbitos da vida do centro e das familias, promovendo a participación activa na mellora do seu medio e fomentando actitudes ambientais responsables na comunidade escolar.

Obxectivos específicos:

Unha Escola Verde é unha escola comprometida co medio ambiente, que integra a sustentabilidade nas súas accións cotiás e non só como un contido a impartir. Os obxectivos específicos do programa son os seguintes:

  • A implicación do claustro escolar como coñecedores e dinamizadores da nova actitude ambiental que imos mudar.
  • A participación activa de toda a comunidade escolar, destacando e valorando os logros e cambios de actitude acadados polo alumnado.
  • Promover o coñecemento e divulgación das boas prácticas ambientais en toda a comunidade escolar.

Palabras clave:

Medio ambiente/ desenvolvemento sustentable/ cambio climático/ concienciación ambiental.

Desenvolvemento das competencias clave

  • Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía
  • Competencias sociais e cívicas
  • Competencia en sentido de iniciativa e espírito emprendedor

Actividades

Entre as actividades do programa recóllense as seguintes:

Actividades obrigatorias e prazo de entrega:

  1. Realización dunha diagnose inicial da situación do centro. Cos datos recollidos reflexionarase, debaterase e tomaranse as decisións oportunas para adecuar o proxecto ás observacións realizadas.
  2. Presentación dun informe inicial no que se identifique a metodoloxía utilizada para realizar a diagnose, os principais resultados e as modificacións realizadas no proxecto (inclusión ou anulación de actividades, novo cronograma, novo enfoque...). Deberase entregar este informe no período dun mes despois do comezo do proxecto durante o curso académico.
  3. Entrega dunha memoria final obrigatoria (poden servir de guía os puntos especificados no Manual de boas prácticas de Escola Verde) que recolla as actividades levadas a cabo e as evidencias do traballo realizado a través de documentación gráfica (é un criterio imprescindible), así como o documento de presentación final seleccionado polo centro. A data límite de entrega vén establecida polo Plan Proxecta.

Formación:

Os centros participantes no programa Escolas Verdes funcionarán de forma autónoma realizando as actividades especificadas nas súas propostas de proxectos e utilizando como Manual o bloque I do Programa Escolas Verdes (ver ligazón).

  • Formación Inicial: haberá unha xornada de formación obrigatoria para o profesorado (esta formación non se certifica como formación do profesorado)

  • Lugar: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda
    Duración: 2 h.

  • Asesoramento continuo para o profesorado por correo electrónico e/ou teléfono.

 

Actividades e recursos

Manual de boas prácticas Escola Verde:

https://www.meteogalicia.gal/datosred/infoweb/meteo/docs/escolaverde/MANUAL_ESCOLA_VERDE_gl.pdf

 

Produto final

Será un proxecto composto polas actividades que o centro considere que mellor poden canalizar as aprendizaxes (talleres, visitas de campos, material audiovisual diverso, exposicións, etc.). Estas actividades serán recollidas nunha memoria final obrigatoria, onde deben aparecer as evidencias do traballo realizado a través de evidencias gráficas (é un criterio imprescindible) e, ademais, deberase seleccionar outro formato de presentación final, como por exemplo:

  • Vídeos elaborado e difundido a través de redes sociais, blogs, etc.

  • Exposición realizada polo alumnado.

  • Charlas entre os diferentes centros participantes presentando o seu programa.

Criterios de avaliación das memorias finais

Criterios xerais do Plan Proxecta

1 .Creación dunha rede de traballo cooperativa na comunidade educativa entre alumnado, profesorado, familias e/ou institucións da contorna. Valorarase especialmente a participación activa do alumnado no desenvolvemento do proxecto (toma de decisións, realización do produto final etc).

2. Interdisciplinariedade (achegas desde distintos departamentos didácticos, disciplinas ou materias) e transferibilidade do proxecto.

3. Impacto e difusión do proxecto. É imprescindible incorporar na memoria, a través de ligazóns (páxinas web, blogs etc), evidencias gráficas e/ou documentais do traballo realizado que permitan constatar o desenvolvemento do proxecto

Criterios específicos:

4. Situación de partida: selección e xustificación da temática do proxecto, avaliación incial do centro e comunicación e sensibilización da posta en marcha do proxecto.

5. Plan de acción: a partir das conclusións obtidas no punto anterior,desenvolver un plan de acción identificando o que se quere conseguir. Definición de accións e obxectivos específicos, medibles, realistas, temporais e que se podan acadar.

6. Avaliación do proxecto e comunicación: observación final das melloras, actividades realizadas de maneira satisfactoria, cumprimento dos obxectivos xerais do proxecto e os obxectivos concretos do plan de acción. Ferramentas e metodoloxías utilizadas para a recollida e xestión dos datos e conclusións obtidas, así como a difusión das actividades realizadas durante o proxecto, comunicación dos logros que se van acadando, creación de páxinas web, blogs, etc, que permitan esta exposición.

Menús Learning object node R