Carmen Pomar destaca un investimento de máis de 730.000 euros na rehabilitación integral do CEIP de Casás
A conselleira de Educación comprobou hoxe o avance das obras
Tras a execución das obras acadarase un aforro enerxético de aproximadamente o 70%
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, comprobou esta mañá o avance das obras de rehabilitación integral do CEIP de Casás nas que, tal e como destacou, o seu departamento inviste 732.571,91 €. A actuación forma parte do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas da Xunta de Galicia e é posible grazas ao anticipo de tesourería aprobado no Consello da Xunta para axilizar a licitación das obras con cargo ao superávit de 2018.
A obra contempla medidas de mellora da eficiencia enerxética como o illamento térmico na cara superior do forxado do baixo cuberta, a colocación de sistema SATE envolvente na fachada, a instalación dun falso teito illante de cartón xeso hidrófugo na cara interior dos forxados dos porches, ou a colocación de novas ventás de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, de novas fiestras e luminarias. Todas estas accións combinadas suporán un aforro do 68,6% no consumo de enerxía primaria non renovable e do 73,5% en emisións de CO2. Así mesmo, pintaranse os paramentos e colocarase novo falso teito.
A rehabilitación inclúe tamén actuacións en función das necesidades de cada bloque dos que compoñen o CEIP. Deste xeito, no primeiro deles reformaranse os aseos de profesores, colocarase pavimento de linóleo en aulas de infantil e redistribuirase a antiga vivenda do conserxe para que acolla, entre outras instalacións, un local para a ANPA. Pola súa banda, no bloque 2 reformaranse o aseo e as carpinterías de fachada, e mellorarase a aula de música, mentres que no bloque 3 converteranse os vestiarios en aseos, incluíndo un accesible. Os traballos que se acometan no bloque 4 serán tamén sobre os servizos.
Durante a súa visita a conselleira animou ao centro a continuar implicándose en programas educativos innovadores, como o de Introdución á robótica educativa en primaria, no que participan. O centro desenvolveu o curso pasado, así mesmo, a primeira liña dos contratos-programa, de Reforzo, orientación e apoio (PROA), que busca mellorar as perspectivas escolares deste alumnado a través do traballo ou apoio organizado para a adquisición das destrezas básicas que lle faciliten a incorporación plena ao ritmo de traballo ordinario e ás esixencias das diferentes áreas e materias; e está integrado no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE).