Educación concede os premios extraordinarios de bacharelato 2018/19 a 20 alumnas e alumnos que remataron a etapa nese curso
A Consellería publica hoxe no DOG o listado dos galardoados, 13 mulleres e 7 homes
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de conceder os Premios Extraordinarios de Bacharelato correspondentes ao curso 2018/19 a 20 alumnas e alumnos, que recibirán un diploma acreditativo e un premio económico de 1.000 euros. A listaxe de galardoados (13 mulleres e 7 homes) pode consultarse no Diario Oficial de Galicia de hoxe.
A Consellería de Educación, Universidade e Formación convoca cada ano este galardón co fin de recoñecer o esforzo, traballo e aproveitamento académico dos estudantes que rematan a etapa de Bacharelato nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia, ben na modalidade presencial ou na modalidade a distancia, e que obtivesen unha nota media do bacharelato igual ou superior a 8,75 puntos.
A maiores tiveron que superar unha proba específica estruturada en dúas partes: a primeira consistente na análise e comentario crítico dun texto de carácter xeral, histórico, filosófico e ou literario e na resposta a cuestións de carácter cultural e ou lingüístico sobre un texto na lingua estranxeira cursada polo alumnado como materia común de bacharelato. Na segunda parte desenvolvéronse temas, respostas a cuestións e/ou exercicios prácticos dunha materia propia da modalidade cursada polo alumnado.