Carmen Pomar destaca un investimento de máis de 2,5 millóns en grandes obras nos centros de ensino da cidade de Ourense
A conselleira de Educación visitou o CEIP de Prácticas e o CIFP Portovello
O departamento educativo da Xunta acomete tamén este verán a rehabilitación enerxética do IES do Couto, así como a cubrición e peche da pista deportiva do CEIP Plurilingüe Irmáns Villar
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, destacou hoxe que o seu departamento está a investir este verán máis de 2,5 millóns de euros en grandes obras na cidade de Ourense. Esta mañá a titular do departamento educativo da Xunta de Galicia visitou o CEIP de Prácticas e o CIFP Portovello para comprobar o avance das obras de rehabilitación integral e enerxética que se están a realizar, respectivamente, nestes centros. A obra de rehabilitación integral que se está a desenvolver no IES do Couto (adxudicada por 842.186,99 euros) e a cubrición e peche da pista deportiva no CEIP Plurilingüe Irmáns Villar (358.387,48 €) completan os grandes investimentos do Goberno autonómico en infraestruturas educativas este verán na cidade das Burgas.
Tal e como sinalou a conselleira para o caso da rehabilitación enerxética no CIFP Portovello, estará rematada para o inicio do curso escolar. No CEIP de Prácticas e IES O Couto, tendo en conta que se trata de obras de rehabilitación integral, unha parte dos traballos desenvolverase durante o curso escolar. En calquera caso gardaranse as maiores condicións de seguridade naquelas obras que deban compatibilizarse co período lectivo.
A actuación de rehabilitación integral do CEIP de Prácticas suporá un investimento de 916.196,74 euros e permitirá acadar un aforro do 28,28% no consumo de enerxía primaria non renovable e do 23,96% en emisións de CO2. Neste centro a obra contempla a colocación de panel sándwich na cuberta do edificio principal e o illamento térmico na cara superior do forxado do baixo cuberta. Así mesmo instalaranse novas persianas na planta baixa e substituiranse as luminarias por unhas novas de alta eficiencia enerxética.
Ademais colocaranse ventás de vélux no faldón da cuberta, cubriranse tres patios interiores, limparase a fachada, instalaranse falsos teitos acústicos nas aulas, mudarase a carpintería interior da segunda planta, pintarase o interior de todo o centro e pulirase o pavimento de terrazo. Tamén se farán uns aseos infantís na planta baixa e cambiarase a valla de separación co IES 12 de Outubro.
Mellora enerxética
Cun orzamento de adxudicación de 453.104,3 euros, a obra no CIFP Portovello inclúe, tal e como explicou a conselleira, actuacións dirixidas á mellora da eficiencia enerxética do edificio, tales como a incorporación de illamento nas fachadas e na cara superior do forxado da cuberta, a substitución de parte da carpintería exterior, ou o cambio da caldeira existente por unha nova de biomasa e melloras puntuais da instalación de calefacción.
Así mesmo repararanse e vernizaranse os elementos de madeira e a carpintería interior, e mudaranse os falsos teitos das aulas por teito acústico, entre outras actuacións.
Carmen Pomar explicou que, ademais do aforro enerxético, estas obras permitirán mellorar o confort térmico dun centro que é referencia nas ensinanza de FP na cidade. De feito, para o vindeiro curso o CIFP Portovello mellora a súa oferta incorporando na modalidade de FP Dual o ciclo de grao medio (de nova implantación) en Comercialización de produtos alimentarios, que desenvolverá en colaboración coas empresas Atlántica Saga Ourense, Centros Comerciales Carrefour, Ignacio de las Cuevas e Vego Supermercados.
O CIFP Portovello desenvolve, tamén, o plurilingüismo en FP, os contratos-programa, forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) e está implicado en diferentes iniciativas do Plan Proxecta.
Declaracións da conselleira