A Consellería de Educación abre o prazo para solicitar os plans de formación permanente de profesorado (PFPP)
A finalidade é actualizar e perfeccionar as competencias profesionais dos docentes, necesarias para responder aos retos educativos actuais
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, vén de convocar a selección de plans de formación permanente do profesorado que se van implantar nos seus centros públicos no vindeiro curso 2019/20. O obxectivo desta iniciativa é actualizar e perfeccionar as competencias profesionais dos docentes, necesarias para responder aos retos educativos actuais, impulsando a súa aplicación e desenvolvemento na aula, e buscando a excelencia educativa e a mellora da calidade da educación e dos resultados escolares do alumnado.
A convocatoria está dirixida aos centros públicos que impartan Primaria, ESO ou Bacharelato. A preinscrición poderá facerse ata o 27 de setembro de 2019 e a presentación de solicitudes estará aberta ata o 8 de outubro de 2019.
Cada centro realizará a solicitude a través da aplicación FProfe. Tanto durante o proceso de solicitude como ao longo de todo o desenvolvemento do plan (cuxa duración oscila entre dous e catro cursos académicos) o centro recibirá o apoio da rede de formación dependente do Consellería, a través dun asesor de formación asignado que guía este proceso e que se encarga de organizar as distintas xornadas de formación e de poñer en contacto aos centros cos relatores que lles interesen.
A convocatoria artéllase arredor de 11 liñas de traballo, entre as que se sinala como prioritaria a de Deseño e desenvolvemento curricular no marco do modelo competencial. Ademais desta liña os plans de formación poderán abordar a planificación estratéxica das linguas no centro, a integración didáctica das TIC, a escola inclusiva e atención á diversidade, a convivencia escolar e clima da aula, a actualización científica e didáctica do profesorado, a mellora da xestión dos centros, os programas europeos e internacionais, a biblioteca escolar, as iniciativas formativas no ámbito STEM e a orientación vocacional e profesional.
Neste sentido cómpre lembrar que todos os centros educativos que desenvolven as convocatorias STEM impulsada pola Consellería (Espazos Maker, STEMbach, Club de Ciencia...) teñen asociados un PFPP.
Proxectos Erasmus+
Cómpre sinalar que tamén a través dos PFPP se está a prestar formación e apoio a os centros educativos galegos que desenvolven proxectos Erasmus+, tanto para realizar as solicitudes nas diferentes accións da convocatoria como para desenvolver os proxectos nos que están involucrados.
Ademais, desde os PFPP foméntase o emprego da plataforma e-Twinning a través da que os centros poden traballar de xeito colaborativo con outros centros educativos de toda Europa.
Así mesmo, do desenvolvemento destes PFPP xorde a colaboración para os distintos proxectos Erasmus+ que lideran os CFRs e o CAFI e nos que participan os centros educativos galegos.
Por outra banda, a Consellería está a desenvolver un proxecto europeo KA3 ATS STEM (Assessment of Transversal Skills in STEM) no que participan 12 socios de 8 países. Os centros que desenvolvan un PFPP nas liñas STEM e de internacionalización parten nunha boa posición para ser seleccionados como centros piloto neste proxecto enmarcado no apoio para a reforma de políticas educativas da comisión europea. Ademais, recentemente fóronlle concedidos á Consellería outro proxecto europeo KA3 e outros dous KA2.