Sete centros educativos galegos son recoñecidos co Selo de Vida Saudable do Ministerio de Educación e Formación Profesional
Un total de sete centros educativos galegos veñen de ser recoñecidos polo Ministerio de Educación e Formación Profesional co Selo de Vida Saudable polo seu traballo no fomento da aprendizaxe da saúde no eido educativo.
Os centros galegos que acadan este distintivo son o CPR Plurilingüe Santa María del Mar (A Coruña), o CEIP Plurilingüe O Ramo (Fene), o CPR Jorge Juan (Narón), o CPR Plurilingüe San José de Cluny (Santiago de Compostela), o IES Xograr Afonso Gómez de Sarria (Sarria), o CPR Plurilingüe Ntra. Sra. de la Asunción (Sarria) e o IES Celanova Celso Emilio Ferreiro (Celanova).
Este distintivo de calidade é un recoñecemento á asunción por parte dos centros das prácticas e hábitos de vida saudable, así como dunha educación física que permita o axeitado desenvolvemento persoal e social ao longo da escolarización do alumnado.
Poden acceder a este recoñecemento os centros sostidos con fondos públicos que asuman un compromiso firme e inequívoco co desenvolvemento e mellora da calidade educativa e a saúde e que presenten a correspondente memoria que describa o cumprimento dos requisitos indicados na convocatoria en relación co fomento dos hábitos saudables.