Case o 82% dos usuarios dos comedores escolares xestionados pola Xunta gozan do menú gratuíto ou pagando 1 euro ao día
Desde 2009 a Consellería incrementou o número de prazas en comedores escolares en máis de 16.800, é dicir, case un 30 por cento máis
O investimento en comedores escolares para cada curso ronda os 30 millóns de euros
O prezo do menú é 0 para os comensais dos Centros de Educación Especial (CEE)
Case o 82% dos usuarios dos comedores escolares xestionados pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional gozan deste servizo de forma gratuíta ou pagando tan só 1 euro ao día. Así se desprende do balance dos datos realizados ao remate do curso 2018/19, no cal o departamento educativo da Xunta de Galicia analiza os datos do servizo complementario prestado, ben a través de comedores de xestión directa (con cociña no centro), ben de xestión indirecta (sen cociña no centro).
En concreto o 74,5% dos comensais gozaron do menú totalmente de balde, mentres que o 7,2% pagaron 1 euro ao día, o 4,6% pagaron 2,5 euros ao día e o 13,7% con rendas máis altas aboaron 4,5 euros por menú. Cómpre salientar que o prezo sempre é 0 para os comensais dos Centros de Educación Especial (CEE).
Por provincias, os datos son os que seguen:
Provincia |
Gratis |
1 euro/día |
2,5 euros/día |
4,5 euros/ día |
A Coruña |
70% |
8,5% |
5,5% |
16% |
Lugo |
76,7% |
6% |
4,3% |
13% |
Ourense |
80,4% |
5,7% |
3,4% |
10,5% |
Pontevedra |
75,2% |
7,2% |
4,6% |
13% |
Total |
74,5% |
7,2% |
4,6% |
13,7% |
Cómpre lembrar que a Consellería introduciu o sistema de pago por renda no ano 2013, co fin de garantir a gratuidade para a meirande parte dos comensais ao tempo que as familias con maior capacidade económica contribúen á prestación deste servizo complementario. O cálculo do prezo público que debe pagar cada familia establécese en base a tres grupos diferenciados de familia e, dentro deles, a intervalos de renda neta per cápita. Os criterios e os umbrais de renda permanecen invariables desde a publicación en 2013 do decreto 132/2013, do 1 de agosto, polo que se regulan os comedores escolares dos centros docentes públicos non universitarios dependentes da consellería.
O compromiso da Consellería coa consolidación do comedor escolar como un recurso que axude a conciliar a vida escolar e familiar é firme e tradúcese nun investimento por curso neste servizo que ronda os 30 millóns de euros, o dobre do que se destinaba en 2007 a este mesmo fin. Ademais, desde 2009 o número de prazas en comedores escolares incrementouse en máis de 16.800, é dicir, case un 30 por cento máis.
Elaboración dos menús
Os menús establecidos nos centros escolares con servizo de comedor xestionado pola Consellería de Educación (sexan de xestión directa ou indirecta) están avaliados pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, no marco da Guía de axuda para programar os menús escolares, elaborada pola Xunta de acordo coa normativa de seguridade alimentaria e os estándares nutricionais nacionais e internacionais.
No caso dos comedores de xestión indirecta (cátering), ademais da mencionada Guía, as empresas teñen que cumprir estritamente co prego de condicións de contratación pública establecido para tal efecto.
De feito este mesmo ano a Consellería aprobou o novo prego de condicións que rexerá os lotes dos 133 comedores de cátering da Consellería para os vindeiros dous cursos 2019-20 e 2020-21, nos que se pon en valor na elaboración dos menús produtos alimenticios frescos, de tempada ou a granel, subministrados por establecementos da zona, ou o uso de produtos lácteos producidos a menos de 100 quilómetros dos centros de ensino
As empresas adxudicatarias deberán realizar, ademais, unha ficha técnica para cada un dos pratos onde se especifique, entre outros, a totalidade dos ingredientes, a gramaxe correspondente e a trazabilidade dos mesmos; así como a identificación dos provedores das materias primas que se utilizan nos menús, entre outras melloras nos pregos.
Ademais das novas condicións introducidas, nesta nova licitación mantéñense os criterios de mellora que a Consellería foi incluíndo en anteriores licitacións co fin de acadar unha mellor calidade do servizo de comedor escolar, tales como a limitación a un máximo de 200 quilómetros da distancia á que poden estar as instalacións nas que se elaboren os menús ou a esixencia de que a Consellería lle reteña ás empresas o 1% do orzamento de adxudicación, unha contía que se destina directamente a realizar auditorías periódicas (a través de empresas especializadas en auditoría de calidade hixiénico-sanitaria e nutricional) co fin de comprobar o cumprimento dos pregos que rexen o contrato e garantir que os ingredientes utilizados na elaboración dos pratos, o tamaño das racións e a preparación e presentación cumpran cos estándares nutricionais previstos na devandita guía.
Axudas a outras entidades
Ademais dos comedores que xestiona de forma directa ou indirecta, a Consellería colabora con outras entidades que prestan o servizo de comedor escolar, chegando a ata 14.000 usuarios máis.
Deste xeito a través dos convenios asinados cos respectivos 14 Concellos por importe de máis de 1,1 millóns de euros, apoiouse subvencionáronse os menús en 50 comedores de Ames, Betanzos, Cangas, Ferrol, Gondomar, Lugo, Manzaneda, Meaño, Mugardos, Muíños, Oroso, Ponteareas Santiago de Compostela e Sarria.
Ademais a Consellería destinou no curso 2018-19 un total de 550.000 euros para axudar a sufragar os comedores escolares xestionados polas Anpas. Coma cada ano, este departamento convoca estas bolsas coas que cofinancia ata un máximo do 50% do custe do servizo.
Así mesmo, asináronse convenios por importe de máis de 210.000 euros con 13 entidades que apoian alumnado con discapacidade para financiar os menús de preto de 500 comensais entre estas alumnas e alumnos.