Educación dota ás escolas de arte e superiores de deseño dun marco para o seu funcionamento e consecución de obxectivos

A Consellería lamenta que os sindicatos non acudiran á Mesa sectorial, e agarda que a se retomen pronto as canles habituais de negociación

Ao abeiro da orde de desenvolvemento do regulamento orgánico destes centros establécense pautas para a xestión da calidade nestas escolas

Educación dotou por primeira vez a estes centros dun ROC adaptado ás súas necesidades específicas

Xov, 30/06/2011 - 19:01

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dotará ás escolas de arte e superiores de deseño e aos centros autorizados de artes plásticas e deseño dun marco referencial para a súa organización e funcionamento, co fin de facilitarlles a consecución dos seus obxectivos, grazas a orde para o desenvolvemento do regulamento orgánico destes centros, que foi levada hoxe á Mesa sectorial do ensino non universitario. A Consellería de Educación continuará adiante coa tramitación da orde malia a que os sindicatos decidiran non acudir hoxe á Mesa. En todo caso, Educación agarda poder retomar coa maior prontitude as canles habituais de negociación coas organizacións sindicais.

Deste xeito o departamento educativo da Xunta de Galicia completa o procedemento polo que o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad dotou a estas escolas por primeira vez dun regulamento orgánico (ROC) que prevé as súas especificidades. Así, é necesario seguir adiante coa tramitación da orde, co fin de que poida poñerse en marcha canto antes, e redundar nun beneficio para estes centros.

Coa orde de desenvolvemento do ROC a Consellería quere ademais mellorar as relacións destas escolas cos ámbitos produtivos coas que están relacionadas, de tal forma que se favoreza a inserción laboral dos seus titulados e a formación ao longo da vida dos profesionais destes sectores.

Neste sentido estes centros deberán establecer un programa anual de formación do profesorado en relación a novidades educativas, tecnolóxicas e de innovación, sistemas e procedementos TIC, procedementos de xestión, estadías formativas do profesorado, orientación profesional ou calquera outra actividade formativa relacionada co mundo das ensinanzas artísticas.

Deste xeito impúlsase a calidade nestas escolas, un dos eixos prioritarios de actuación da Consellería de Educación.

Departamentos

Doutra banda, a orde establece os departamentos que se poderán constituír nestas escolas, nomeadamente os referidos ás ensinanzas de grao en deseño de interiores, deseño de moda e deseño de produto; así como aos ciclos das familias profesionais de deseño gráfico, artes aplicadas ao libro, deseño de interiores, artes aplicadas á indumentaria, deseño industrial, artes aplicadas da escultura, xoiaría artística e cerámica artística.

Cada un destes departamentos contará con programacións de actuación, nos que concretarán as actividades a desenvolver segundo as liñas de actuación establecidas nos correspondentes plans anuais da área funcional.

Ademais, en cumprimento desta orde as escolas deberán establecer plans anuais, tanto a nivel xeral como a nivel das liñas de actuación de cada unha das áreas funcionais. Así mesmo as escolas deberán contar cun plan de autoprotección no referido ás materias de saúde e seguridade.

A elaboración de regulamentos orgánicos para as escolas de arte e superiores de deseño e das orde para o seu desenvolvemento era unha tarefa pendente desde a publicación da LOE en 2006, que a actual Consellería desenvolve no marco do seu compromiso coas ensinanzas artísticas.