Educación impulsará a calidade e o emprendemento nos Centros Integrados de Formación Profesional a través da nova orde que regula o seu funcionamento

A Consellería lamenta que os sindicatos non teñan acudido á Mesa sectorial do ensino non universitario á que se levou a orde para o desenvolvemento do Regulamento Orgánico destes centros

A Consellería de Educación dotou por primeira vez aos CIFP dun regulamento específico adaptado ás súas necesidades

A orde supón unha nova aposta da Consellería de Educación pola FP, de acordo coa demanda da cidadanía

Xov, 30/06/2011 - 19:00
Reunión da mesa sectorial
Reunión da mesa sectorial

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria impulsará a calidade e o emprendemento nas ensinanzas impartidas nos Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) ao abeiro da orde pola que se desenvolve o Regulamento Orgánico destes centros.

O texto continuará o seu trámite malia a que as organizacións sindicais decidiron hoxe non acudir á Mesa sectorial do ensino non universitario á que a Consellería levou esta orde. Con todo Educación agarda poder retomar coa maior prontitude as canles habituais de negociación coas organizacións sindicais.

Deste xeito o departamento dirixido por Xesús Vázquez dá un paso máis na estratexia de posta en valor da Formación Profesional que está a desenvolver. Neste sentido cómpre lembrar que a actual Consellería dotou por primeira vez aos CIFP dun regulamento específico para o seu funcionamento, adaptado ás súas necesidades, o que era unha tarefa pendente desde que se crearan polo Decreto 266/2007, do 28 de decembro.

Os ROC permitirán aos CIFP por en marcha dinámicas de funcionamento e organización propias, de acordo coas súas necesidades particulares, dotando aos centros dunha estrutura interna, distribuída en áreas funcionais, que lles permite afrontar os seus fins e as súas funcións para mellorar as relacións coa comunidade do seu contorno.

Pautas e flexibilidade

A orde hoxe presentada na mesa sectorial ten como obxectivo proporcionar un marco estable aos CIF, dotado ao mesmo tempo da flexibilidade suficiente para a organización e funcionamento dos centros integrados de formación profesional dentro da súa autonomía que lles permitan afrontar os seus fins e as súas funcións e mellorar as relacións coa comunidade e co ámbito produtivo.

Deste xeito, a orde fixa os procedementos para o establecemento do Plan e Memoria Anual dos CIFP, así como das programacións de actuacións dos distintos departamentos, e do plan anual de cada unha das áreas funcionais destes centros. Da mesma forma a orde establece pautas para o desenvolvemento das actividades formativas e complementarias á formación, no centro e fóra del, así como para o proxecto lingüístico e programa de promoción da lingua galega e linguas estranxeiras.

Orientación e formación ao longo da vida

Doutra banda, o texto fai fincapé no Plan de orientación profesional, que debe favorecer o desenvolvemento profesional, facilitando o acceso de todos os cidadáns aos servizos de orientación. Nesta mesma liña o plan contemplará como liñas de actuación o establecemento de itinerarios formativos,a atención á diversidade, a formación de profesionais da orientación, e as accións para o emprendemento e a acreditación das competencias profesionais.

Nesta tarefa destaca tamén o papel da acción titorial, recollida na orde pola súa importancia na preparación do alumnado para a actividade nun campo profesional e para facilitar a súa adaptación ás modificacións laborais que poidan producirse ao longo da vida.

Na mesma liña os CIFP elaborarán un programa anual de formación do profesorado, en relación ás novidades educativas, tecnolóxicas e de innovación, sistemas e procedementos TIC, procedementos de xestión, estadías formativas do profesorado, orientación profesional ou calquera outra actividade formativa relacionadas co mundo da FP.

Xestión da calidade

Unha das liñas de acción prioritarias da Consellería de Educación é a aposta pola excelencia. Así, os CIFP seguirán os procedementos do sistema de xestión da calidade implantados, utilizando os indicadores e criterios de avaliación que busquen sempre a mellora continua e avaliación do sistema de calidade nos seus plans, procedementos, actuacións e accións a desenvolver.

De feito o obxectivo polo que se está a traballar xa nestes centros é o de obter a certificación de xestión da calidade UNE-EN ISO 9001, outorgada pola Organización Internacional para a Estandarización.

Aposta pola FP

A orde hoxe analizada supón unha nova aposta da Consellería de Educación pola FP, de acordo coa demanda da cidadanía. De feito, o número de matriculados en ciclos formativos incrementouse nun 10,69% nos dous últimos cursos.

Así, para dar resposta ás galegas e galegos que buscan nestas ensinanzas un medio para acceder a un posto de traballo, a Consellería vén de ofertar máis de 1.100 prazas novas de Formación Profesional, grazas á creación de 7 novos centros integrados de FP nas cidades e grandes vilas. Neste sentido cómpre destacar que os niveis de empregabilidade - 88,8% dos titulados que realizaron Formación en Centros de Traballo atopou o seu primeiro emprego en menos de 6 meses- confirman a FP como un sistema de oportunidades de indiscutible importancia nestes tempos de crise económica.