Educación pon en marcha o “Club de Letras”, unha iniciativa para fomentar as competencias lingüísticas do alumnado

O prazo para solicitar a participación neste programa de innovación educativa está aberto ata o 30 de setembro

Poderán implicarse un total de 30 centros educativos

A temática principal do vindeiro curso será a igualdade entre mulleres e homes

Dom, 28/07/2019 - 12:00

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional porá en marcha o vindeiro curso o “Club de Letras”, unha iniciativa que nace co obxectivo de mellorar as competencias lingüísticas, tanto orais como escritas, do alumnado das etapas de Primaria, Secundaria e Bacharelato a través de distintas actividades que fomenten o debate, a reflexión e o pensamento crítico.

Os centros interesados dispoñen de prazo ata o 30 de setembro para acollerse a esta  convocatoria do programa de innovación educativa Club de Letras, co que se busca ofrecer oportunidades que fomenten un desenvolvemento integral do alumnado acorde ás necesidades da sociedade actual.

O Club de Letras defínese como un espazo de aprendizaxe non formal baseado nunha metodoloxía de indagación. Neste marco os docentes suxiren diferentes accións enfocadas ao alumnado co obxecto de que poidan afondar, descubrir e coñecer novos eidos relacionados coas Humanidades, as Artes e as Ciencias Sociais. Fundaméntanse, polo tanto, nunha metodoloxía baseada no descubrimento, a indagación, o debate, a lectura reflexiva, a análise crítica, a creación e a aprendizaxe colaborativa, na que o alumnado adquire coñecemento mediante un método activo.

No caso da educación primaria, a iniciativa achegarase a estes eidos do coñecemento fundamentalmente a través da escritura creativa, a exploración e creación artística, a lectura reflexiva e fomentando, de ser posible, unha achega lúdica e dinámica. Na educación secundaria e bacharelato procurarase unha visión transversal e interrelacionada das manifestacións literarias e artísticas, abordar perspectivas filosóficas e/ou históricas, así como a potenciación da capacidade creativa e de lectura reflexiva, coa finalidade de fomentar competencias de comprensión e de pensamento crítico do mundo actual.

Toda a actividade que se realice partirá dunha temática concreta sobre a que se fomentará a reflexión, a lectura crítica e a achega a novos materiais e perspectivas de xeito transversal. Para o curso 2019/2020 a Consellería escolleu a igualdade, co fin de que as persoas participantes contribúan desde un punto de vista literario, artístico, filosófico ou histórico a cuestións relacionadas coa visibilización das mulleres, do seu rol na sociedade ou representación das mulleres ao longo da historia.

Solicitudes

O departamento educativo da Xunta de Galicia destina un total de 30.000 euros a esta convocatoria. Cada centro recibirá unha achega económica de 1.000 €, polo que poderán participar en total 30 centros que impartan ensinanzas de educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou bacharelato.

Os centros que desexen tomar parte do Club de Letras deberán presentar a solicitude correspondente e máis unha breve descrición do proxecto que se vai desenvolver no curso 2019/2020. O prazo de presentación de solicitudes e documentación rematará o 30 de setembro de 2019.

O club deberá estar formado por alumnos e docentes e un destes últimos actuará como coordinador. Cada centro educativo, dentro da súa autonomía, poderá desenvolver o Club de Letras de diversas maneiras: fóra do horario lectivo do alumnado, dentro das materias correspondentes de forma transversal ou a través de obradoiros. En calquera caso, o tempo dedicado a esta actividade deberá chegar a, polo menos, unha media de catro horas ao mes.