As obras de ampliación do CEIP Plurilingüe Eladia Mariño (Cabanas), avanzan a bo ritmo co fin de que estean rematadas a inicios de curso
A conselleira de Educación, Carmen Pomar, coñeceu in situ o desenvolvemento dos traballos, que dotarán o centro dunha nova biblioteca e aula de usos múltiples, dun novo patio cuberto, así como a mellora da accesibilidade con instalación de ascensor e ramplas
Esta actuación supón un investimento de 521.000 euros por parte da Consellería
As obras de ampliación do CEIP Plurilingüe Eladia Mariño da localidade coruñesa de Cabanas están avanzando a bo ritmo e prevese que estean totalmente rematadas a inicios do próximo curso 2019-20, tal e como comprobou a conselleira de Educación, Carmen Pomar, na súa visita de hoxe a este centro.
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional inviste uns 521.000 euros nesta ampliación, que suporá que o alumnado poida dispoñer de nova biblioteca e aula de usos múltiples, novo patio cuberto e dunha mellora da accesibilidade, coa instalación de ascensor e ramplas.
A obra que se está levando a cabo abrangue tanto accións de remodelación no interior da edificación existente como a ampliación da mesma para xerar novos espazos, como unha sala de usos múltiples e un patio cuberto de máis de 130 m². O novo edificio sitúase nun módulo anexo pola parte posterior do CEIP.
A nova biblioteca do centro situarase na que ata o momento era a zona de xogos cuberta, espazo que tamén se empregará para comunicar os dous edificios. Ademais, na edificación actual modificarase o lugar que ocupan os aseos do alumnado no andar baixo e crearanse espazos para Orientación e desdobramentos. Todos os andares estarán comunicados a través dun núcleo de escaleiras e dun ascensor de nova instalación, que se complementa cunha rampla de comunicación co patio cuberto.
Esta ampliación eleva o investimento da Consellería desde 2009 neste centro educativo –o único do concello– a arredor de 700.000 euros. Cómpre salientar que o CEIP, ademais de ser plurilingüe e contar a maiores con sección bilingüe, participa este curso en dúas liñas dos contratos-programa. Conta, así mesmo, cunha biblioteca moi activa que forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe) e que desenvolve iniciativas de aprendizaxe por proxectos.