O conselleiro de Educación recibe a unha delegación da academia francesa de Amiens para estreitar lazos de colaboración no eido educativo
A Academia é a estrutura administrativa do Estado na rexión da Picardie que ten competencias en educación
Durante o encontro abordouse a posibilidade de asinar un protocolo de colaboración sobre eixos de intercambio de alumnado e profesorado
A delegación ofreceu enviar a Galicia un profesor francés durante un curso, que exercería o seu labor nun centro plurilingüe ou en seccións bilingües
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, reuniuse hoxe cunha delegación da francesa Academie de Amiens, da rexión da Picardie, un encontro no que se traballou para estreitar lazos no eido educativo.
Esta reunión prodúcese no marco da visita que está a realizar para coñecer o noso sistema educativo e estreitar lazos mediante un acordo de colaboración a delegación composta polo director de Asuntos Internacionais, Philip Simmonds, ao asesor de educación e cultura no consulado francés de Bilbao, Djamel Ould, e a asesora Helen Jehanno.
A Academia é a estrutura administrativa do Estado na rexión que ten competencias en educación baixo a autoridade do Reitor. Ten xurisdición sobre 2.300 escolas primarias, 2115 colexios, 70 escolas secundarias xerais, 64 liceos profesionais (FP) e 2 universidades, o que supón arredor de 421.000 alumnos e 30.000 profesores.
Intercambio de alumnado e profesorado
Durante o encontro abordouse a posibilidade de asinar un protocolo de colaboración sobre eixos de intercambio de alumnado -especialmente en FP- e profesorado, e explorar vías de colaboración.
Ademais os representantes da delegación ofrecéronse a enviar a Galicia un profesor francés durante un curso dentro do seu programa “Jules Verne”, que exercería o seu labor nun centro plurilingüe ou en seccións bilingües francesas. Outras comunidades xa teñen acordos deste tipo con rexións francesas, entre elas o País Vasco e A Rioxa con Bordeaux, e Cantabria con Nantes.
A delegación interesouse por coñecer o Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras e o Proxecto Abalar, así como os programas europeos de mobilidade do alumnado de formación profesional. No marco da súa visita, estiveron en diferentes centros nos que se desenvolven estes programas.
Colaboración europea
Con este encontro a Consellería de Educación reitera o seu compromiso coa apertura de vías de colaboración con outras administracións educativas europeas, co fin de traballar conxuntamente na mellora do sistema de ensino.
Con este obxectivo, o conselleiro recibiu nas pasadas semana a representantes do proxecto de aprendizaxe colaborativa en materia de novas tecnoloxías que están a desenvolver a Consellería e a Devon Local Authority and Young People Services, o departamento educativo do Council –rexión adminsitrativa- de Devon, no Reino Unido.
Ademais Vázquez Abad reuniuse o pasado 13 de xuño con profesores alemáns que están a participar nun intercambio co IES Xelmírez I de Santiago de Compostela, no marco do proxecto 'Galicia-Baviera', dentro do Programa europeo de mobilidade Comenius Regio. Neste proxecto están implicados, entre outros, o IES Xelmirez I, os Gymnasium –institutos- Holbein e Peutinger de Augsburgo, Jakob Brucker de Kaufbeuren e a Asociación Alemá de Profesores de Español.