Educación financiará a contratación temporal dos investigadores posdoutorais ata o remate da súa avaliación
A través dun convenio coas universidades para que formalicen os contratos esta mesma semana, tal e como propuxeron o pasado venres os vicerreitorados de Investigación
Introduciranse diversas melloras nas axudas para evitar tempos de espera entre convocatorias nos casos de baixas de longa duración ou maternidade/paternidade e durante o período de avaliación
Coas novas medidas, o modelo galego de investigación posdoutoral, único no Estado, consolídase como referente e marca a liña a seguir
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional financiará a contratación temporal dos investigadores beneficiarios das axudas para a formación posdoutoral na modalidade A ata o remate da súa avaliación, paso obrigado para optar á modalidade B. Así o anunciou esta mañá o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, nunha rolda de prensa para abordar a situación xeral deste colectivo de investigadores e as melloras previstas polo seu departamento para futuras convocatorias.
Segundo explicou, a contratación temporal farase a través dun convenio coas tres universidades, tal e como propuxeron nunha solicitude enviada o pasado venres polos tres vicerreitorados de Investigación. Esta mesma mañá remitiráselles o compromiso ás universidades instándoas a que formalicen os contratos nesta semana, asegurou Díez de Castro. Cómpre salientar que o colectivo é persoal contratado directamente polas universidades, con cargo ao Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia, polo que non existe relación contractual coa Xunta, aínda que é o Goberno galego quen financia integramente estes contratos.
Deste xeito, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional garante que todo o persoal posdoutoral que finalizou o contrato da modalidade A o pasado 30 de xuño continúe contratado polas universidades con financiamento da Xunta de Galicia ata o 15 de outubro, mentres se realiza o proceso de avaliación, xa en marcha, que lles dá un posible acceso á Modalidade B.
O secretario xeral de Universidades referiuse tamén á situación das persoas que teñan permiso de maternidade ou paternidade, ás que o Goberno galego lles garantirá a ampliación da contratación para que poidan presentarse na convocatoria de 2020 nas mesmas condicións que o resto de aspirantes. Evítase así que teñan períodos de paro entre a finalización do seu contrato e a seguinte convocatoria, algo que si acontece en todos os contratos posdoutorais existentes tanto no Estado coma noutros países europeos.
Melloras na convocatoria
Ademais, Díez de Castro avanzou que a Consellería de Educación modificará a seguinte convocatoria de axudas posdoutorais para adiantar o período de avaliación e posibilitar que se inicie antes da finalización do contrato da Modalidade A. “A nosa intención é que ao remate deste contrato saiban xa se contan ou non con avaliación positiva e poidan planificar presentarse ou non á convocatoria da Modalidade B”, indicou. Dáselle resposta así á demanda feita polos representantes do colectivo de investigadores posdoutorais na xuntanza mantida a pasada semana.
As melloras anunciadas converten Galicia en pioneira a nivel estatal na formación de calidade do persoal investigador. Porén, a Secretaría Xeral de Universidades continuará traballando noutras fórmulas de mellora desta convocatoria para fortalecela. Así, o programa posdoutoral galego, xa único en España, consolidarase como modelo de referencia para outras autonomías e para o Estado. Así, o titular de Universidades instou ao Ministerio de Ciencia a seguir a liña de melloras marcada pola Xunta.
Convocatorias distintas e non consecutivas
José Alberto Díez de Castro insistiu en que as modalidades A e B das axudas posdoutorais son dúas convocatorias distintas, como ben saben os beneficiarios cando se presentan -porque así se recolle na convocatoria que se publica cada ano no Diario Oficial de Galicia-, e que estar nunha modalidade non implica un pase directo á outra. “Cando se presentan fano cun proxecto a tres anos, que tiña que estar rematado o 30 de xuño de 2019 e agora teñen que presentar un novo proxecto a dous anos para optar á modalidade B”, incidiu o titular de Universidades. “Non hai interrupción de contratos”, engadiu.
Díez de Castro explicou que as axudas posdoutorais existen desde 2012 e sempre existiu un tempo de avaliación da Modalidade A antes de poder optar á B. “Nunca houbo queixas”, salientou. Nalgúns casos, as universidades ou os grupos de investigación formalizaban xa cos seus fondos a contratación temporal do seu persoal investigador pos doutoral. Neste ano solicitaron o apoio económico da Xunta e, tal e como se anunciou hoxe, váiselles dar.