A Xunta concede case 10,4 millóns de euros en axudas a 66 unidades de investigación competitivas do SUG e outras entidades do sistema galego de I+D+i
Deste xeito un total de 304 grupos de investigación do sistema galego de I+D+i contarán con financiamento estrutural estable dentro do programa de consolidación da investigación da Xunta
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución conxunta das consellerías de Educación, Universidade e Formación Profesional e de Economía, Emprego e Industria a través da que se conceden as axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas nas universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG), nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i. O importe ascende a case 10,4 millóns de euros, que se repartirán entre 29 Grupos de Referencia Competitiva (GRC) e 37 Grupos de Potencial Crecemento (GPC.)
A resolución das axudas a grupos de investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG) supón un importe de preto de 8,7 millóns de euros. Do total das 56 axudas concedidas, 26 son da modalidade de Grupos de Referencia Competitiva e 30 da modalidade de Grupos de Potencial Crecemento.
As axudas aos grupos de investigación alleos ao SUG (CSIC, IEO. FIDIS, Centro Tecnolóxico da Carne e CIAM) supoñen máis de 1,7 millóns de euros. Das 10 axudas concedidas, 3 son da modalidade de Grupos de Referencia Competitiva e 7 da modalidade de Grupos de Potencial Crecemento.
O obxectivo desta liña de axudas é asegurar un financiamento estrutural e continuado, condicionado a criterios de calidade, que garanta un financiamento basal que lles permita desenvolver o seu labor de xeito estable e cunha liberdade de acción suficiente para reorientalo de ser o caso. Ademais, na concesión das axudas tívose en consideración o liderado das mulleres nas propostas presentadas, co fin de contribuír a reducir o desequilibrio entre mulleres e homes dedicados á investigación no sistema galego de I+D+i.
As axudas outorgadas súmanse ás dos grupos que a teñen vixente, para acadar un total de 304 grupos con financiamento estrutural estable no sistema galego de I+D+i. Cómpre lembrar que este ano esta convocatoria tramitouse por primeira vez de forma anticipada, o que facilita un mellor aproveitamento dos recursos e unha maior certeza nas persoas contratadas con cargo a estas axudas.
Referencia e potencial crecemento
Os 29 Grupos de Referencia Competitiva, caracterizados por bos índices de publicacións científicas, un nivel de captación de recursos elevado e competitivos a nivel estatal e en moitos casos internacional; recibirán axudas entre 190.000 e 400.000 euros para un período total de 4 anos. O importe total de cada unha das axudas vén determinado por unha contía estrutural máis outra variable asociada á evolución na xeración de recursos por parte do grupo como un indicador xenérico da súa competencia e capacidade de consolidación, e distribuirase por anualidades de acordo a un módulo fixo anual e outro variable.
No caso dos Grupos de Potencial Crecemento, que, sen alcanzar os niveis de desenvolvemento dos anteriores, teñen calidade investigadora, constatable con criterios estritos, e que están na senda que os leve a ser grupos de referencia, os 37 beneficiarios recibirán unha axuda total de 90.000 euros para un período de 3 anualidades.
Conceptos subvencionables
As axudas de ambas modalidades poderán destinarse a custo de contratación de persoal investigador ou auxiliar de investigación, a ferramentas de xestión do coñecemento e da información (aplicacións informáticas, bases de datos, etc), a pequeno equipamento inventariable e material funxible, a material bibliográfico, a cotas de coloquios e congresos e adhesión a sociedades científicas; a formación do persoal do grupo relacionada coa actividade obxecto da axuda mediante estadías curtas, así como a viaxes e axudas de membros do grupo para a actividade obxecto da axuda.
A contratación de investigadores visitantes, a organización de actividades de difusión, a publicación dos resultados da investigación en aberto (sempre e cando sexan como consecuencia da actividade do grupo), a consultaría e asesoramento externo, os gastos derivados da elaboración dun informe de auditoría e os custos indirectos tamén serán conceptos subvencionables.